Reunión de traballo en Porto dos socios do proxecto AQUALITRANS

Os socios do proxecto “AQUALITRANS. Sistema de Xestión e Control para a mellora da eficiencia na depuración e a calidade ambiental de augas a nivel transfronteirizo” mantiveron unha reunión de traballo o pasado 2 de novembro en Porto. No encontro participaron todos os socios do proxecto, tanto españois como portugueses, que forman o partenariado da iniciativa.

AQUALITRANS é un proxecto de colaboración entre Augas de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a Fundación Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), Águas do Municipio do Porto e o Instituto de Ciência e Inovaçao em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI). O proxecto desenvólvese no marco do Programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020(POCTEP).

O obxectivo principal do proxecto AQUALITRANS é mellorar a eficiencia enerxética do proceso de depuración de augas residuais nas EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais), asegurando en todo momento a calidade da auga tratada; logrando mellores rendementos de depuración, menores consumos enerxéticos e emisión de CO2; e diminuíndo os problemas nos procesos.

AQUALITRANS xorde do compromiso para buscar un modelo enerxético eficiente e sustentable para as EDARs, co que contribuír aos obxectivos de desenvolvemento sustentable e protección ambiental aos que aspiran España e Portugal.

O proxecto AQUALITRANS consiste na elaboración inicial dun estudo de investigación sobre o consumo enerxético en diferentes EDARs en Galicia e Norte de Portugal; e no posterior desenvolvemento dun proxecto piloto en EDARs seleccionadas, onde se implantarán as medidas de optimización enerxéticas derivadas do estudo. Esta análise teórica e práctica permitirá dispoñer dun modelo aplicable ás depuradoras co que crear EDARs máis eficientes enerxeticamente e máis sustentables.