Santiago acollerá a presentación oficial do proxecto AQUALITRANS o próximo 22 de novembro

O proxecto ·AQUALITRANS. Sistema de Xestión e Control para a mellora da eficiencia na depuración e a calidade ambiental de augas a nivel transfronteirizo” será presentado oficialmente o próximo 22 de novembro en Santiago de Compostela.

AQUALITRANS é un proxecto de colaboración entre Augas de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a Fundación Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), Águas do Municipio do Porto e o Instituto de Ciência e Inovaçao em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI). O proxecto desenvólvese no marco do Programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020(POCTEP).

A presentación oficial contará coa asistencia de todos os socios españois e portugueses que integran este proxecto transfronteirizo co que ambos os países buscan un modelo enerxético eficiente e sustentable para as EDARs.

O proxecto AQUALITRANS consiste na elaboración inicial dun estudo de investigación sobre o consumo enerxético en diferentes EDARs en Galicia e Norte de Portugal; e no posterior desenvolvemento dun proxecto piloto en EDARs seleccionadas, onde se implantarán as medidas de optimización enerxéticas derivadas do estudo. Esta análise teórica e práctica permitirá dispoñer dun modelo aplicable ás depuradoras co que crear EDARs máis eficientes enerxeticamente e máis sustentables.