O proxecto AQUALITRANS encara a súa recta final e pon a disposición un visor XIS

Os socios do proxecto  AQUALITRANS reuníronse o pasado 14 de febreiro en Vigo para analizar o estado de situación e as próximas tarefas a realizar neste programa de cooperación transfronteiriza. O proxecto AQUALITRANS, no que traballan entidades de Galicia e Norte de Portugal, ten como obxectivo crear un modelo enerxético máis eficiente e sustentable para as EDAR (Estacións Depuradoras de Augas Residuais).

Augas de Galicia, como beneficiario principal, liderou o encontro en Vigo, no que se analizaron os avances do proxecto e as próximas accións a realizar.

Completouse xa a realización das actividades 1 e 2 do proxecto que consistían basicamente en realizar unha análise de contexto e unha importante recompilación de datos que culminou coa elaboración dun inventario de EDARs da Eurorrexión cuxa información se envorcou nun Sistema de Información Xeográfica xa dispoñible vía web a través da seguinte dirección http://aqualitrans.itg.es/edars/.

Elaboráronse plans de mellora de eficiencia enerxética para un total de 20 instalacións (10 en territorio español e 10 en territorio portugués).

Durante a reunión constatouse que as dúas ferramentas de xestión transfronteiriza restantes previstas están na última fase de probas e espérase que estean plenamente dispoñibles ao longo do mes de marzo de 2019.

Os proxectos piloto de mellora de eficiencia enerxética executáronse xa nas  EDARs da Pobra do Caramiñal, Cedeira, Gondomar e Nigrán e atópanse en fase de execución na EDAR de Ares e na  ETAR de  Sobreiras en Porto. Estas iniciativas, que xorden por mor dos estudos previos realizados, servirán para mellorar a eficiencia enerxética das depuradoras e optimizar os seus consumos.