Iníciate na programación e forma parte de Code Week con #GalicianCode

Na nosa vida cotiá empregamos algoritmos para levar adiante moitas das tarefas docentes ou familiares xa que todas elas son un conxunto de instrucións ou pasos ordenados lóxicamente.  Unha sinxela receita na nosa cociña pode ser un exemplo práctico e visual de como resolver un problema e podemos representar ese algoritmo, dun xeito moi gráfico,  cun diagrama de fluxo que é simplemente unha secuencia lineal de símbolos e frechas. Neste diagrama podemos atopar:

  • Unha entrada: ingredientes base e utensilios de cociña.
  • Un proceso: elaboración da receita.
  • Unha saída: presentación do plato.

Os algoritmos son precisos, están moi definidos e deben ter un número finito de pasos que hai que seguir, axúdanos a organizar, a planificar e desenvolver habilidades de pensamento de orde superior sendo de grande axuda nas aulas para resolver problemas onde queremos potenciar a alumnos pensadores creativos que non compartimenten o coñecemento e que apliquen estes esquemas na súa experiencia vital.

Inciarse na programación en idades  temperás e de xeito lúdico posibilita o emprego do pensamento crítico, a busca de información selectiva, o desenvolvemento da competencia dixital e doutras competencias ligadas como a científico-matemática aplicando neste proceso unha ampla gama de estilos de aprendizaxe.

A Code Week é unha iniciativa europea para mergullarse neste apaixonante mundo da programación participando, xunto a outros docentes de varios paises, no deseño de actividades prácticas e motivadoras. Este ano ten lugar dende o 10 ao 25 de outubro, son datas orientativas e podes escoller a túa  en función das necesidades docentes persoais, de grupo ou de centro. Dende Aula Nova imos colaborar lanzando unha formación en aberto, en galego, que difundiremos co cancelo  #galiciancode para dar a coñecer a Code Week e integrarse nela de forma proactiva.

Participar é moi sinxelo e ten moitos niveis de implicación, para docentes con coñecementos ou sen eles, pero con moitas gañas de aprender, experimentar e conectar. Atoparás material informativo para poder crear unha actividade propia, rexistrala e obter un certificado dixital para ti e o teu alumnado que acredite a participación. 

Code Week 2020 (preme na imaxe)

Non teñas medo, non precisas ser un especialista en programación, empregar complexas linguaxes, dispor de equipos informáticos ou investir inxentes cantidades de tempo para planificala e levala adiante.  A túa actividade pode ser ollar un vídeo na aula, aplicar un xogo ou traballar cun programa residente ou en liña. Pode ser interesante aproveitar este tipo de actividades nos centros educativos para potenciar a aprendizaxe entre pares implicando a varios niveis educativos: alumnado que amose o seu coñecemento a outros compañeiros/as, docentes de outras materias que comparten ideas e incluso integrar a participación das familias dende os seus fogares, observación de outras metodoloxías participativas, etc.

Code Week non ten límites e é completamente adaptable as circunstancias actuais mantendo a seguridade sanitaria.