Conectamos o mundo físico co virtual

Makey Makey é unha sinxela placa electrónica baseada en Arduino que se conecta ao noso ordenador mediante un cable usb (sen necesidade de empregar drivers) de tal maneira que traballa simulando a un teclado ou a un rato, é  coma se fose un dos nosos periféricos.

Jay  Silver e Eric  Rosenbaum, membros do Media Lab do MIT, crearon en 2012 este dispositivo como un proxecto estudantil baixo a supervisión de  Mitchel  Resnick  dotándoo de 6 ordes distintas na súa parte dianteira (4 frechas de dirección: arriba, abaixo, dereita, esquerda e dúas teclas para clicar e outra para pulsar a tecla espazo ) e outras 12 na traseira.

Cando pechamos o circuíto usando as pinzas de crocodilo facemos que se  envien ordes ao ordenador, se queres sacarlle todo o partido a esta placa necesitamos un programa con Scratch para interpretar esas indicacións. 

O uso de  Makey  Makey non necesita coñecementos específicos só un pouco de imaxinación e algúns elementos condutores: froitas,  gominolas, plastilina condutora, líquidos, etc… podes experimentar cos materiais que teñas a man en casa, reciclando algún dos de refugallo. É moi adecuado en proxectos multidisciplinares onde podemos mesturar a programación e o xogo, é moi sinxelo e os resultados son asombrosos. Crea un piano, controla un videoxogo, experimenta coa condutividade eléctrica, todo é posible con esta pequena placa, esperta a creatividade do teu alumnado e déixalles investigar.

Nesta páxina podes atopar numerosas guías para iniciarche en forma de leccións e proxectos orixinais para reproducir na túa aula e se queres saber máis sobre as “tripas” da placa podes revisar este interesante artigo.

Unha boa idea é crear un poster interactivo engadindo audios e material complementario controlados con esta pequena placa.

 

 

Etiquetas

, ,