Maker Faire Galicia 2021

A Maker Faire volta a Galicia, este ano cunha xornada exclusiva de educación, o día 4 de xuño, onde atoparemos de xeito vitual mesas redondas temáticas, obradoiros prácticos e moitas actividades para docentes e alumnado.

Entre os obradoiros destacan os seguintes:

  • Obradoiro Alquimistas do plástico.

    Impartido por  Alquimétricos aprenderás sobre economía circular e a través da reciclaxe de bolsas de plástico construindo un icosaedro, a estrutura xeodésica fundamental.

  • Obradoiro robótico.

    Desde VermisLAB propoñen un taller moi interesante para introducirse no mundo da robótica a través da contorna virtual VEX Robotics, permitindo así aos/as profesores/as non depender de ter a tecnoloxía fisicamente na aula para ensinar robótica.

  • Obradoiro de videoxogos con Microbit

    Dani Sanz, de juegosrobotica.es, achegaranos a placa Micro BIT a través da plataforma  MakeCode de Microsoft e mostraranos o seu potencial educativo creando xogos en liña.

  • Obradoiro de robótica co Método RIE.

    Ferrán Fábregas amosará como ensinar robótica a través deste método de traballo. Este obradoiro terá lugar ás 17:30 e require inscrición previa, os/as 5 primeiros/as en facelo recibirán na súa casa un KIT totalmente gratuíto da man de  Marcombo. (Reserva a túa praza aquí)

  • Obradoiro de Pensamento computacional e modelado/impresión 3D.

    Artur Coelho ensinará a modelar en dispositivos móbiles ou tablets.

  • Obradoiro de mapas táctiles en impresión 3D.

    Deseño e Son, amosará un proxecto inclusivo que levan tempo desenvolvendo en colaboración coa fundación ONCE,  Aspronaga e Aspanaes; onde utilizan a tecnoloxía como ferramenta de axuda para atender necesidades especiais e visibilizar outras realidades.

  • Obradoiro de Intelixencia Artificial

    Con Carmen Núñez exploraremos o mundo da Intelixencia artificial con Machine Learning for Kids.

Algúns deste obradoiros estarán abertos todo a xornada e outros serán emitidos en directo.

Ademais este ano contaremos co Edu Open Space, un evento para reflexionar sobre a educación no que os asistentes son os propios protagonistas. Partindo da innovación educativa como eixo central, cada un de vós podedes propoñer unha temática relacionada que vos interese para debater durante o evento. Poderedes enviar as vosas suxerencias a través deste formulario ata o 26 de maio.

Dentro da Maker Faire organízase a segunda Game Maker Jam,  adicada a  creación e desenvolvemento de videoxogos e unhas  Xornadas Abertas na fin de semana.

Agardamos a túa participación nesta gran xornada educativa.