Na Casa dos Fraga celebramos o día da nai co Triquitraque Traquetriqui
Na Casa dos Fraga en Cambados, o pasado sábado 3 demos a benvida ao mes de maio cunha fermosa sesión de bebeteca da man da experimentada contadora de historias Charo Pita.
Grazas ao programa Ler conta moito palabras, trabalinguas, historias, algún silencio, libros, xogos co corpo, cancións arrolantes, sons sorprendentes, e todo un triquitraque (ou un traquetriqui) deixáronse sentir na biblioteca, para que os que dormen no berce tamén puidesen gozar coas historias no colo daquelas (e daqueles) que ben os queren… e vaia se así foi!
Cubríronse o total de prazas dispoñibles e a actividade resultou todo un éxito que, de seguro, volveremos a repetir!