Tim Bowley e Charo Pita presentan en Brión ‘Dúas linguas, unha historia”
O luns 12 de maio iniciáronse as actividades dirixidas aos nenos e nenas dos diferentes niveis educativos do municipio, contempladas dentro da máis ampla programación da Feira do Libro de Brión – Maio Cultural 2014. Da man de Tim Bowley e Charo Pita, os rapaces de 1º Ciclo da ESO do IES de Brión asistiron a “Dúas linguas, unha historia” unha divertida sesión conta contos en inglés e galego.
Ao auditorio do Centro Social Polivalente, lugar onde se celebrou a actividade ao non contar a biblioteca cun espazo axeitado, acudiron aproximadamente uns 60 rapaces e rapazas acompañados por catro profesores que durante unha hora gozaron das historias narradas en inglés polo “storyteller” Tim Bowley e traducidas por Charo Pita. Contos de diferentes partes do mundo que espertaron a curiosidade dun auditorio moi entregado e con gañas de participar, como así o demostraron no conto do “Pirata a serea e o mago feo”.
Tim Bowley leva narrando historias por todo o mundo dende hai máis de 25 anos. Ademais como escritor ten libros para todas as idades en editoriais como Kalandraka, OQO, Raíces e Palabras del Candil. Charo Pita tamén é narradora de historias e escritora. Ámbolos dous levan traballando con éxito en actividades de narración e animación lectora en bibliotecas e institutos de ensino secundario dende o ano 2006.