A maleta da Avoa abriuse na Biblioteca Pública Municipal de Riveira
Que habería nesa maleta que traía Raquel Queizás? O que había na Maleta da Avoa eran moitos contos, de mouras e ouro, de trasnos e ogros papóns, contos de cantar e de papar.
O sábado, 16 de maio ás 12.00 h a Biblioteca de Riveira encheuse de nenos e nenas (e tamén de mamás, papás, avós, avoas…) que miraban curiosos para a misteriosa maleta. Comezou Raquel a contar cousas, a cantar a falar, e o público cos ollos arregalados viu como aparecían bonecas nacidas das mazarocas do millo ou culleres de pau que falaban coma nenas.
Unha mañá preciosa de contos de sempre para os nenos e as nenas de hoxe.