Para rematar a semana na que celebramos o Día das bibliotecas, o venres 25 de outubro Trémola Teatro presentou en Brión o seu espectáculo “1, 2, 3!, a que non me ves?: en busca dos monstros”.
Co gallo da volta á escola, e para facela un pouco máis lene a todas as nenas e todos os nenos de Brión, a biblioteca municipal organizou un serán musical a cargo de Luís Vallecillo, que presentou o seu espectáculo “Cantamos?”, unha entretida proposta de animación chea de divertidos números musicais de aire rock e blues en lingua galega para cantar, bailar, brincar e soñar. Ler máis →
O venres 13 de setembro, ás 18:00 h., a Sala Municipal de Exposicións acolleu o espectáculo de animación “Radio Bulebule”; unha montaxe inspirada no libro-disco do mesmo título, publicado pola editorial Kalandraka e ilustrado por David Pintor, dirixido a crianzas de 5 a 11 anos de idade.
O serán musical estivo a cargo do coñecido artista Paco Nogueiras. Durante aproximadamente unha hora, Paco presentou unha emisora de radio moi especial onde todo o universo é música, humor, baile e cancións.
A sesión celebrouse na Sala de Exposicións de Brión, un espazo situado na Casa da Cultura que a biblioteca municipal utiliza como salón multiusos para organizar este tipo de eventos. O éxito de participación na actividade foi grande, cunha asistencia total que se achegou ao cento de persoas, sumando crianzas e adultos acompañantes.
Esta actividade, organizada pola biblioteca municipal de Brión , contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.
O día 11 de xullo, ás 12:00 h., a BPM de Brión organizou, co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia, a actividade “Música miúda” a cargo do artista Miguel Alonso. Un serán matinal de animación aberto a todas as nenas e a todos os nenos maiores de 3 anos de idade para celebrar a chegada do verán e das tan esperadas vacacións estivais.
Na actividade participaron arredor de 51 crianzas, moitas delas inscritas nos obradoiros Brión Verán, organizados polo Departamento de Cultura municipal. Durante aproximadamente 50 minutos gozaron dun proxecto didáctico que combinou contacontos e música.
A través das Historias de Bemol Pequeno, o espectáculo presenta conceptos básicos da música como o volume, o ton, as familias de instrumentos, as notas musicais… Cada unha delas inclúe un conto e unha canción, que se executan en directo pensado para que o público infantil participe e aprenda nun entorno lúdico.
Séguenos