O 17 de xullo, ás 20.30 h, o teatro entrou na Pista Deportiva da Tasca en Aguiño.
Coa compañía Teatro dos Ghazafelhos gozamos dunha preciosa representación da obra “A máquina do tempo”, e con Sálvora de fondo! A visita de Leonardo da Vinci, ou do astronauta Neil Armstrong impresionou a todo o público, que ademais axudaron a resolver cantas dúbidas se presentaron no escenario. Ao rematar os aplausos eran tan fortes que chegaron ata O Carreiro e os paseantes miraban con curiosidade…
Para agradecer a presenza do público e animar a que visiten a Biblioteca Municipal de Ribeira regalóuselle un libro a cada nena e neno que veu ao teatro.
Esta representación, xusto na beira da praia, a media milla de Sálvora e co público aínda en roupa de baño, é a mostra de que a aprendizaxe activa, a formación, non están á parte do tempo de lecer. O público infantil e adulto participou con entusiasmo cada vez que unha pregunta partía desde o escenario, a quen non lle gusta aprender e compartir o que sabe? Tamén no tempo do verán, tamén fronte á covid, sempre a cultura está presente.
Ler Conta Moito!
Comezamos co programa de dinamización da lectura “Ler Conta Moito 2021”. Fomos ata a parroquia de Artes para dar a coñecer a nosa Biblioteca Municipal, e animar a todo o mundo sobre todo aos nenos e nenas agora que acaba o cole, a que se acheguen onda nós e que poidan levar cantos libros queiran para ler na casa.
Este sábado, 19 de outubro, tivemos en Ribeira a marabillosa historia da vida de Ángeles Alvariño. Unha biografía de ciencia e estudo con 22 novas especies descubertas pola nosa oceanógrafa.
Fixemos o contacontos na sala de exposicións, anexa á biblioteca, para que os cadros nos inspiransen á hora de facer o noso debuxo de Ángeles Alvariño. E así de colorido rematou o conto…
Grazas, Polo Correo do Vento, xa nos tarda que volvades a Ribeira!
Este sábado, 12 de outubro, Manuel Solla trouxo a maxia dos seus contos á Biblioteca de Ribeira.
Primeiro xuntámonos para ler un pouquiño nos nosos libros favoritos.
Despois de que nos xuntamos unha morea de nenas e nenos pasamos á sala de lectura e, con moita atención, escoitamos os contos. Con moita atención e con moita diversión… Xa vedes a Manuel no medio de nós facendo bromas.
Este sábado, 5 de outubro, ás 12.00 h no salón de actos anexo á Biblioteca de Ribeira apareceu un galiñeiro cheo de ovos de conto. Electra Menéndez foi presentando, coa axuda dos nenos e das nenas, todos os personaxes que alí vivían.
Ao rematar as presentacións fixemos un conto entre todos no que había había gatos con botas, tres porquiños, un mago… Unha manchea de personaxes e historias.
Logo dos contos pasamos ao obradoiro onde facer plastilina para crear os nosos propios “ovos de conto”.
Grazas a todas e todos os que participastes.
Séguenos