Que é?
Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades locais.
A través deste programa, as bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia ofrecen actividades variadas para achegarlle á cidadanía a lectura e a información dunha maneira lúdica e atraente.
Deste xeito as bibliotecas reforzan o seu carácter de espazo aberto, ao tempo que alentan a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que proporcionan.
Cal é a súa finalidade?
Ler conta moito ten como obxectivo xeral animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vinculadas aos intereses dos distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.
Con este programa preténdese:
- Fomentar o hábito da lectura no conxunto da poboación.
- Fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente e da descuberta de novos temas e inquedanzas sociais.
- Consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas atractivas e de calidade.
- Promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo.
- Valorar o libro e, en xeral, a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión.
Quen o promove?
Ler conta moito é un programa promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (Xunta de Galicia), que financia o 75% dos custos das actividades programadas. As entidades locais con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia que participan no programa cofinancian o 25% restante destes custos.
Séguenos