Chrystyan Magic na Xornada LEOBÉN na Biblioteca Ágora da Coruña
Na Biblioteca Ágora da Coruña tivo lugar a Xornada Leobén: Biblioteca e Competencia Lectora, na que o tema principal foi o achegamento á lectura a todas as persoas, as dificultades no aprendizaxe da lectura e os recursos para a súa promoción, tanto físicos como virtuais, temas dos que nos falaron dous profesores da Universidade . Dende a Asociación Galega de Dislexia explicaron cales son os principais problemas aos que se enfronta a infancia con dislexia na escola e na familia e despois tivo lugar unha mesa redonda na que se falou dos diversos camiños que levan á lectura: a lingua de signos para as persoas xordas, o Braille para as persoas cegas, a importancia dos apoios visuais e os pictogramas para as persoas con discapacidade intelectual e do funcionamento dos clubes de lectura fácil. Houbo tamén unha parte práctica, cun obradoiro a cargo de ANHIDA e o seu can Seven, ademáis da intervención das bibliotecarias contando contos con apoio visual e musical que gustou moito aos máis de 52 participantes, que viñan fundamentalmente dos centros de formación en Educación Infantil e Animación Sociocultural. Pola súa banda, 85 nenos/as e persoas de diversas entidades e centros de ensino asistiron ao espectáculo máxico de Chrystyan Magic celebrado no medio da Xornada.
Séguenos