A vida de cada un é unha historia

Tras o inicio da xira en Narón a pasada fin de semana, e mentres agardamos a función do venres 17 no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, César Cambeiro (actor que interpreta o papel de Alberto) comparte connosco as súas vivencias sobre a posta en escena:

En Xardín suspenso cada un arrastra a historia da súa vida. E cada un depende, pensa e reacciona segundo a súa propia visión da súa propia historia.

Cada un é o resultado do que a súa vida foi filtrando: Mariana, a sensatez inconsciente; Lucinda, tamén unha sensatez pero inxenua; Alberto, un sentido común de cuadrícula, estereotipado; Mateo, unha formalidade práctica que busca a utilidade; Paula, unha mundoloxía de Perogrullo. E a todos lles resultan inútiles estas súas ferramentas para enfrontárense ao que teñen diante. Construíron un mundo incapaz de diagnosticar os seus verdadeiros problemas, e no que ninguén está disposto nin preparado para mover os marcos do seu propio cerebro.

E en todos estes mundos, nos que cada un ten tan claras as súas propias ideas, non hai cabida para a historia de Lucía. A historia dos sentimentos en estado puro, e que dentro da súa coherencia acaban sendo levados ao extremo, non atopa cabida nun mundo preconcibido, dominado pola falsa seguridade da rutina, do que xa cada un ten aprendido, e incapaz de ver e de afacerse á naturalidade, á vida en evolución, incapaz de integrar a autenticidade do lado máis descarnado e espido da condición humana, da persoa que está con eles e que os desborda coa súa humanidade, de Lucía.

O espectáculo Xardín suspenso empezou como un tren desbocado; despois pasouse de freada, pero axiña encontrou o punto de equilibrio no que está e que lle permite gozar dunha navegación pracenteira en cada representación. Así se senten os personaxes e mais as actrices e os actores que os transportan.

En Santiago de Compostela, no Salón Teatro, ao longo do mes de marzo, sentimos o gozo de facer nosas as vivencias de Xardín suspenso, un gozo que nos segue invadindo nunha xira que xa comezou.

Felices e pracenteiras singraduras nesa osmose máxica de intercambio e comunicación entre personaxes e público. Que en cada función, cada vez que se dá este fenómeno, todas as palabriñas chegan moles ao corazón.

Seguímonos vendo.