Elenco

César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos conforman o elenco interpretativo que dá vida aos personaxes de Alberto, Lucía, Paula, Mariana, Mateo e Lucinda.

César Cambeiro

Actor de teatro, cine e televisión, inicia a súa actividade profesional nos anos 80 dentro do grupo de títeres e de teatro infantil Petónda Fox (O tesouro da Raíña Lupa e Pallasín Pallasete) e do grupo Birimbau (O cabaleiro inexistente). Tras ser membro fundador de Teatro do Adro e poñer en escena a montaxe Petición de man (1994), sobe aos escenarios con diversas compañía teatrais como A. T. Coruñesa, Teatro do Atlántico, Traslús ou Os Quintilláns nas obras El puñal del godo (1995), Don Juan Tenorio (1995), A noite dos Tríbades (1996), Flores de papel (1997), Medianoite (1999), Gulliver (2000), O divertimento do Rei (2005) ou García (2005). Interveu tamén nas producións Esperando a Godot (1999), Servidor de dous amos (2004), O avaro (2006), Naúfragos (2008) e Cyrano (2014), de Teatro Galileo, así como en Unha hora de vida de Stefan Sweig (2011), de Lagarta Lagarta, Azos de esguello (2013), de Espello Cóncavo, ou O xardín das pernas roubadas (2013), de La Tuerca 27.

Para o CDG interveu en seis das súas producións: Os vellos non deben namorarse (2000), A cacatúa verde (2001), Rosalía (2001), Daquel Abrente: Laudamuco. Señor de Ningures (2003), A boa persoa de Sezuán (2008) e As actas escuras (2009).

No ámbito televisivo está unha das súas principais áreas de traballo, pois actuou nas teleseries Pratos combinados, Un mundo de historias, Mareas Vivas, Galicia Express, Pequeno Hotel, Rías Baixas, Terra de Miranda, La Atlántica, As leis de Celavella, Música secreta, Pataghorobí, O bosque que levas, Valderrei, Matalobos ou Padre Casares. Tamén tivo roles episódicos en series de canles privadas españolas como El comisario, Policías, Periodistas, Piratas ou Cuéntame como pasó.

En cine, participou nos filmes Lobos sucios (2014), Todo es silencio (2011), Sinbad (2011), La condesa rebelde (2011), La noche que dejó de llover (2007), El menor de los males (2006), Siete mesas (2006), Adeus Estrada (2006), De Bares (2005), Heroína (2004), Mar adentro (2003), Los lunes al sol (2001) e Ilegal (2001).

Melania Cruz

melania_cruzTitulada Superior en Arte Dramática (2012) pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia de Galicia (ESAD), é ademais Máster en Artes Escénicas, itinerario de Pedagoxía e Animación Teatral (2014) pola Universidade de Vigo e diplomada en Maxisterio, especialidade Lingua Estranxeira – Inglés (2008) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Interésase desde moi nova polo teatro afeccionado da súa cidade e dá o paso ao mundo da interpretación da man de Marga Portomeñe. Fórmase na aula Universitaria da USC Campus de Lugo, durante cinco anos baixo a dirección de Paloma Lugilde e Quico Cadaval, asistindo tamén a diversos obradoiros impartidos por profesionais como Vicente Fuentes, Isabel Úbeda, Fernando Soto, Manuel Lourenzo ou Ánxeles Cuña. Finalmente, decide especializarse en Interpretación Textual na ESAD de Galicia. Continúa o seu constante proceso de formación en cursos de teatro e danza con Jeremy James, Eduardo Vasco, Ignacio García, Núria Inglada e Patricia Varela, e afonda na técnica oral con Cristina Domínguez e textual (prosa e verso) con Ermel Morales.

Como actriz profesional, está vinculada a Escénate desde 2009 (Lugo del Alma Romana, Lugo Cidade 10, Xeración Nós, A fala das pedras) e a Teatro de Adro, onde coprotagoniza con Josito Porto Ai, Carmela! (2010-2012). En 2012 funda, xunto a catro compañeiros, a compañía ilMaquinario Teatro, coa que protagoniza El Hombre Almohada; comeza a impartir docencia como profesora substituta na ESAD e dirixe o grupo de Teatro Muxicas da ONCE.

Actúa con 611 Teatro en Os que non puideron fuxir (2013) e interpreta a Jacqueline nunha adaptación de Inventarios de Philippe Minyana baixo a dirección de Cristina Domínguez (2013). En 2014 interpreta o personaxe de Raxada no filme A Esmorga, dirixido por Ignacio Vilar, e estrea Perplexo con ilMaquinario Teatro.

Rocío González

OLYMPUS DIGITAL CAMERAComo actriz teatral, traballou nas montaxes Coitelos nas galiñas (2001), O canto do Dime-Dime (2003), O tío Vania (2005) e Castronós, o baile (2007), todas elas postas en escena por A Factoría Teatro, compañía coa que actuou no espectáculo para público infantil Iesi Cebola contra a doutora Rabia Rabiña (2004), ademais de desenvolver tarefas de axudante de dirección en As presidentas (2000) e Os homes só contan até tres (2005).

Tamén traballou nas montaxes do Centro Dramático Galego: As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (2004) de CarlosCasares, O regreso ao deserto (2006) de Bernard Marie Koltés e A boa persoa de Sezuán (2008) de Bertolt Brecht, así como noutras compañías galegas como A Contrabutaca (Robin Hood, 2007), Lagarta Lagarta (Casting, a comedia, 2010), Teatro de Ningures (0,7% Molotov , 2011), Eme2 (Kafka e a boneca viaxeira, 2012, O príncipe e o parrulo, 2013 e Meu ben, 2014) e Abrapalabra (As do Peixe, 2013).

Rocío González ten intervido, ademais, en diferentes performances Me gusta que me lo hagas (Espacio Aberto, 2001)-, lecturas dramatizadas, na curtametraxe Canción sen emoción (2008) e nas series de televisión Terra de Miranda, A vida por diante, Mar Libre e Luci.

A súa formación teatral centrouse na interpretación e no traballo corporal como alumna da Escola de Teatro e Danza Espacio Aberto de Santiago, onde asistiu tamén a cursos especializados impartidos por Mónica Valenciano (Los cinco sentidos en movimiento), Carlos Neira (acción contemporánea), Osvaldo Bermúdez (acrobacia), Manuel García (teoría teatral) e Cristina Domínguez (técnica vocal), entre outros.

Luisa Merelas

luisa_merelasActriz de teatro, cine e televisión, Luisa Merelas posúe unha recoñecida traxectoria profesional que principiou en 1970 co espectáculo A pobriña que está xorda de Teatro Circo, grupo co que tamén actuaría en Entremés famoso sobre a pesca no río Miño (1973), Zardigot (1974), Macbeth (1975), Romance (1975), Montaxe Teatro Circo (1977) e Os vellos non deben de namorarse (1977).

Entre os seus numerosos papeis escénicos, destacan igualmente os desenvolvidos para a Escola Dramática Galega en A benfadada historia do coitado Bamboliñas (1978), Muller de mulleres (1978) e A noite vai coma un río (1979), así como para a Compañía Luís Seoane en As criadas (1980), A casa das tres lúas (1981), A esperar por Godot (1982), Edipo Rei (1983), Fausto (1984) e O rei aborrecido (1985).

Ten traballado noutras nove producións do CDG –Caderno de Bitácora (1985), As tres irmás (1987), A casa dos afogados (1989), Valle-Inclán 98 (1998), Os vellos no deben de namorarse (1999), Espectros (2002), Ricardo III (2005), O regreso ao deserto (2006) e Longa viaxe cara á noite (2014)- e en diferentes espectáculos de Teatro do Atlántico (Xoana, 1985 e E.R. (Algún día traballaremos xuntas), 2011), Teatro da Salamántiga (Era unha vez, 1988; e, como axudante de dirección de Manuel Areoso, en Hai que desface-la casa, 1997), EDGUvegá (Electra, 1994), Librescena (Mourenza, 1996), Espello Cóncavo (As troianas, 1998), Ancora Produccións (Paso de cebra, 2004) e a Companhia de Teatro de Braga (O amor assasinado, 2002). Nos últimos anos interpretou para a compañía Teatro do Morcego as montaxes O burgués fidalgo (2006), O club da calceta (2007) e A función do tequila (2012), así como Ocaso Otero (2007) para Teatro Manivela e Na meta (2009) para Ónfalo Teatro.

Canto ao audiovisual, participou, entre outros, nos filmes O baile das ánimas (1993) de Pedro Carvajal; Entre bateas (2001) de Jorge Coira; Los lunes al sol (2001) de Fernando León; La promesa (2002) de Héctor Carré; El año de la garrapata (2004) de Jorge Coira; Siete mesas de billar francés (2007) de Gracia Querejeta; Abrígate (2007) de Ramón Costafreda; Vacas, porcos e zapatos de tacón (2009) de Manuel Espiñeira; Concepción Arenal, la visitadora de cárceles (2012) de Laura Mañá; ou Somos gente honrada (2012) de Alejandro Marzoa. Tamén foi parte do elenco de Terra de Miranda ou Matalobos e colaborou noutros espazos da Televisión de Galicia, como A familia Pita, Pratos combinados, Mareas vivas, Pequeno hotel, A vida por diante e O faro, ademais de Piratas de Telecinco.

Recibiu dous premios María Casares por A función do tequila (mellor actriz secundaria 2013) e por O regreso ao deserto (mellor actriz protagonista 2007), ademais do premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva en 2007.

Santi Romay

santi_romayTitulado en Pedagoxía Teatral pola Universidade da Coruña (UDC), comezou a súa carreira televisiva desde moi novo interpretando o papel de Fito durante toda a emisión da serie Mareas vivas (1998-2002). A partir de entón, ten traballado ininterrompidamente en diversas producións da Televisión de Galicia, como As leis de Celavella, Miña sogra e máis eu, Rías Baixas, Os Atlánticos, O Nordés, Matalobos ou Casa Miranda.

En cine é coñecido principalmente pola súa participación nas películas Vilamor (2011) de Ignacio Vilar, Persoal Movie (2011) de Hector Carré, Somos gente honrada (2011) de Alejandro Marzoa ou Blockbuster (2013) de Tirso Caleiro. Tamén interveu en diversas curtametraxes como Go’el (2007) ou La zapatilla (2006) e protagoniza a webserie Clases de lo social, de Pablo Cacheda.

Canto o teatro, sobe por primeira vez ás táboas dun escenario con tan só oito anos de idade grazas á escola de teatro do seu Malpica natal. Desde aquela, entre todas as montaxes nas que actuou cómpre destacar o seu papel en Un cranio furado (2011) que lle valeu o Premio María Casares ao mellor actor secundario. Para Producións Teàtrais Excéntricas tamén puidemos velo de novo en Da Vinci tiña razón (2014), ambas as dúas ás ordes de Quico Cadaval.

Asemade, formou parte do elenco de O país da comedia (2002-2003), baixo a dirección escénica de Carlos Blanco, que volveu contar con el para o seu programa de late night Somos unha potenzia, emitido na canle autonómica en 2006.

Ademais, puxo en escena Yepeto (2006-2007) e Pingueiras e Tarteiras (2009), para Teatro del Andamio, e O xardín das pernas roubadas (2013), para Tuerka Teatro.

Ana Santos

ana_santosPopularmente coñecida polo seu papel de Pitusa na serie de Televisón de Galicia Mareas vivas (entre 1998 e 2002), e polo de Elsa en Padre Casares (desde 2008), Ana Santos iniciou a súa actividade profesional como actriz de dobraxe en 1985 co nacemento da canle autonómica. Despois de diversos cursos de ortofonía, dicción, interpretación ou dramaturxia, fundou a súa propia compañía, Teatro Alba, coa que debutou en As criadas de Jean Genet (1996).

Desde entón seguiu traballando ininterrompidamente en teatro, con outras compañías como Espello Cóncavo, en As Troianas de Eurípides (1998) e Zardigot de Euloxio Ruibal (2007), ou Rara Avis Teatro en Baby boom no paraíso de Ana Istarú (2002) e compaxinando o seu labor interpretativo co de actriz de dobraxe.

Colabora de xeito habitual nas últimas montaxes de Teatro Galileo, baixo a dirección de Pedro Rubín: Caprichos, de Cervantes (2001); Ruzzante de Angelo Beolco (2002); O médico á forza de Molière (2003); Servidor de dous amos de C. Goldoni (2004); O Divertimento do Rei de Víctor Hugo (2005); O Avaro de Molière (2006); Náufragos de André Roussin (2008); Sempre quixen bailar un tango de Teresa González Costa (2010); Desfeitos de Febe Chaves (2012) e Cyrano de Edmond Rostand (2013).

Na pequena pantalla, ademais de actuar en Padre Casares e Mareas vivas, deu vida a Leocadia en As leis de Celavella, e interveu en Libro de familia (2006), A vida por diante (2006) e O show dos Tonechos (2007). Tamén participou na longametraxe Heroína (dir. Gerardo Herrero, 2005).