O CDG

Unidade de produción teatral adscrita á Xunta de Galicia, o Centro Dramático Galego (CDG) comezou a súa traxectoria en 1984 co obxectivo de contribuír á normalización e regularización da actividade teatral galega. Desde entón, o CDG vén desenvolvendo un constante traballo de produción e distribución de espectáculos teatrais.

Foi en 1991 cando a compañía pública se presentou diante dos espectadores como centro artístico de produción do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM). A súa adscrición a este organismo da Consellería de Cultura facilitou a consolidación do teatro institucional como un proxecto complementario e harmónico respecto do resto da escena galega. Desde xuño de 2008, o CDG forma parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entidade que sucede ao IGAEM asumindo e ampliando as súas competencias.

Nestes 30 anos de historia, as principais liñas de programación do Centro seguiron varias direccións: recuperación dos nosos autores fundamentais, presenza dos dramaturgos galegos contemporáneos, incorporación á escena galega de grandes nomes da literatura dramática universal de todos os tempos, promoción do teatro infantil e proxección exterior do noso teatro, entre outras.

O sistema habitual de funcionamento da compañía é o concurso dun director de escena convidado xunto co elenco interpretativo e o equipo artístico que se contratan segundo as necesidades de cada unha das producións. Nelas tamén se involucra un equipo técnico da Agadic (talleres, son e iluminación, estrutura escénica, tremoias, vestiario etc.).

O CDG encárgase ademais da xestión do Salón Teatro de Santiago, único espazo de exhibición escénica de titularidade exclusiva da Xunta de Galicia. Nel a compañía pública desenvolve desde 1999 un amplo período de representacións con cada un dos seus novos espectáculos.

salonteatro

Salón Teatro – Espazo escénico do CDG