Estes son os gañadores da III Edición do Galicia Open Future de Telefónica e a Xunta de Galicia

galicia-open-future

O mundo do emprendemento en Galicia está a vivir unha época de aumento de actividade e ideas. Un claro exemplo é a resolución dos gañadores da III Edición de Galicia Open Future, impulsado por Telefónica en colaboración coa Xunta de Galicia.

Despois de máis de 400 solicitudes nas tres edicións realizadas, as ideas gañadoras deste ano presentan un gran nivel en canto a innovación e usabilidade na sociedade. Os tres gañadores levarán unha axuda de 25.000€ da Xunta de Galicia a través da Amtega e poderán optar a unha bolsa reembolsable de XesGalicia doutros 25.000€. Os nomes dos afortunados son as start-ups Fleap, Coinscrap e Qubiotech. 

Coinscrap

Esta aplicación está dirixida ao aforro e ao investimento en carteiras intelixentes en base a obxectivos financeiros. Ten un funcionamento curioso e á vez innovador: a app redondea automaticamente ao euro máis próximo todos os pagos que fagamos con cartón, investindo esa diferenza a unha conta corrente ou investíndoo en carteiras de investimento ou de aforro.

A principal diferenza desta aplicación fronte a outras é o seu funcionamento sinxelo e intuitivo e que é compatible con todos os cartóns de calquera entidade bancaria, facilitando desta maneira o seu uso.

Fleap

Desenvolvido por un vigués e un coruñés, Fleap é un dispositivo que se coloca no pé e é capaz de monitorizar a forma de correr en todo tipo de deportes. O dispositivo é capaz de medir impactos, aceleracións ou os ángulos realizados durante a carreira. É unha app multiplataforma e permite ver os resultados en tempo real en calquer dispositivo, xa sexa nun computador, a app ou a través dun smartwatch.

Qubiotech

Esta experimentada start-up desenvolveu IQ-Brain, un software que é capaz de axudar aos equipos médicos a diagnosticar de maneira temperá enfermidades neurodegenerativas como o Parkinson ou o Alzheimer. A aplicación achega análise visual e posúe un algoritmo que facilita ao médico a súa diagnose, grazas á comparación de análise de imaxe e de aspectos metabólicos do paciente.

Se queres máis información acerca do premio, podes consultar a web da Amtega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.