Mancomun renóvase, así é o novo portal do software libre

Esta semana o mundo do software libre estivo de estrea: a Axencia pola Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) renovou o portal Mancomun.gal para ofrecer unha nova imaxe e novos e mellores contidos no mundo do software libre e as novas tecnoloxías.

Esta renovación inclúe unha nova imaxe, a cal é moito máis gráfica e actual, mellorando o seu deseño tanto en accesibilidade para persoas con algunha discapacidade como o seu acceso a través doutros dispositivos como móbiles ou tablets, os cales poden ver agora perfectamente a nova web, xa que o deseño adáptase a todo tipo de pantallas.

A renovación non se basea unicamente na parte externa, xa que con esta nova vida, o portal Mancomun.gal pasa a ter moito máis contido relacionado co software libre: ao xa coñecido boletín mensual de software libre para a administración pública uniráselle un novo boletín para empresas, que explicará as noticias e novidades do mundo do software libre pero desde unha visión empresarial. Ademais, desde a portada pódese acceder agora aos últimos informes, así como novas entrevistas e casos de éxito e unha nova sección de contido audiovisual, onde poderemos ver pezas en vídeo e audio relacionadas co portal e o software libre.

A nova estética inclúe tamén unha simplificación da estrutura do portal. Agora a sección “Solucións TIC” inclúe as solucións tecnolóxicas de software libre  categorizadas dirixidas tanto a empresas, administración como a cidadanía en xeral, entre as que se inclúen as solucións liberadas pola Xunta de Galicia no  Repositorio de software libre ou Forxa de Mancomún.

Asemade, o espazo “Repositorio Documental” presenta en modo de categorías os principais documentos liberados no Repositorio Documental de Software Libre no wiki de mancomún para facilitar a súa localización e descarga. E a última nova sección, pero non menos importante, Comunidade, convértese nun directorio dos membros da comunidade: asociacións, grupos informais e entidades promotoras e difusoras do software e o hardware libre en Galicia.

Esta renovación entra dentro do Plan de Software Libre 2017, que conta con 110 accións. Tanto se vos gusta o mundo do software libre coma se non, convidámosvos a que botedes unha ollada a Mancomun.gal e que descubrades vós mesmos todo o que ofrece o novo portal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.