O mando de Microsoft para xente con diversidade funcional vai ser unha realidade

Cando pensamos no noso día a día, a miúdo non nos damos conta que existe xente que non ten tan sinxelo utilizar os dispositivos que usamos habitualmente. As persoas con algún tipo de diversidade funcional atópanse con obstáculos todos os días, e o mundo da tecnoloxía non é diferente.

Pero cambiar este feito está nas mans das empresas de tecnoloxía. E así o fixo Microsoft, que anunciou o lanzamento próximo dun mando de xogo orientado ás persoas con algún tipo de diversidade funcional: o  Xbox  Adaptive  Controller.

Este novo mando, dispoñible para sistemas  Xbox e  Windows 10, componse dun mando principal ou centro de control que ten dous grandes botóns principais, que ocupan toda a superficie e serven para manexar todos os dispositivos adicionais que se  poden conectar a este centro de control.

Como vemos neste vídeo de presentación, Microsoft tamén comercializará unha serie de periféricos deseñados para axudar a persoas con distintos tipos de limitacións. Os xogadores poderán conectar os periféricos que queiran e combinalos para configurar un sistema de control que se adapte ás súas necesidades.

Na parte superior do mando central haberá unha serie de  conectores, cada un deles relacionado cunha función principal do mando. A estes  conectores é onde irán conectados o resto de periféricos, podendo utilizalos para utilizar os diferentes botóns que configuran un mando convencional. No lateral superior esquerdo haberá un  USB para conectar un  joystick por se se prefire como alternativa ao  pad  direccional.

A base do  Xbox  Adaptive  Controller estará preparada para unirse a diferente tipo de monturas, de maneira que haxa varias configuracións que se adapten a cada usuario para poder tela. Haberaas con brazos máis longos ou máis curtos, flexibles, ou con bases fixas ou pinzas para poder suxeitarse a unha cadeira de rodas ou similar. Ademais, todos os dispositivos poderanse configurar ao máximo para adaptarse ás necesidades de cada persoa.

Este novo mando, e todos os seus accesorios, poñeranse á venda a finais de ano. Aínda non sabemos o prezo, pero é todo un avance para os gamers que teñan algún tipo de dificultade á hora de manexar os seus xogos favoritos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.