Meteogalicia permítenos ver en imaxes que tempo fai

meteogalicia-xentedixital

Galicia é un país cun clima moi variable. Mentres nun lugar pode estar diluviando, a poucos quilómetros do mesmo pode facer un sol intenso que invite a visitar a praia. Por esta razón, cando queremos facer algún plan o mellor é sempre consultar as diferentes predicións meteorolóxicas para a zona á que vamos. O que ocorre é que ás veces estas son difíciles de interpretar ou poden non ser todo o exactas que queriamos.

Para solucionar esta problemática, Meteogalicia anunciou unha nova característica da súa web dispoñible para todos: unha colección de cámaras en tempo real ubicadas por todo o territorio galego. Estas cámaras poden consultarse a través da súa páxina web e da aplicación móbil de Android, e nelas podemos ver, polo de agora, 11 lugares: Cedeira, A Coruña (Dique Barrié de la Maza e Punta Langosteira), Camariñas, Lira, Ribeira, Vilanova de Arousa, Cuntis, Cervantes e Carballeda de Valdeorras. A estes lugares, engadiranse 9 mais a final de ano: Ribadeo, Burela, Viveiro, Porto do Son, Marín, Bueu, Vigo, Cangas e A Guarda.

As imaxes, tomadas cada cinco minutos dende o seu emprazamento, permitirannos coñecer tanto o estado do ceo coma a temperatura e o vento, xa que as capturas irán acompañadas con datos que proporciona a estación meteorolóxica ubicada no lugar da cámara, podendo coñecer desta maneira situacións coma o estado da mar ou a nubosidade, información moi útil para actividades coma a pesca, a práctica de deporte ou a observación nocturna do ceo.

Para a instalación destas cámaras, Meteogalicia contou coa colaboración de Portos de Galicia para a instalación das cámaras costeiras; co Porto da Coruña para as imaxes de Punta Langosteira e do dique Barrié de la Maza; e co Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas para as cámaras das Illas Cíes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.