Tecnoloxía do futuro presente: enviar sabores por mensaxería instantánea

No mundo da comunicación sempre houbo unha obsesión: ser capaz de transmitir todos os sentidos. Aínda que na actualidade xa está a haber pasos para crear experiencias co cheiro e tamén co tacto (sobre todo na realidade virtual), hai un sentido ao que non se fixeron aínda as aproximacións adecuadas: o gusto.

Unha das razóns principais polas que se fixeron poucos experimentos co sabor é que este sentido ten moitas máis variables que, por exemplo, o cheiro, xa que á parte do sentido en si, a experiencia de saborear unha comida tamén se complementa co tacto (a través da lingua), a vista (polas cores) e o cheiro. Aínda así, desde a Universidade de Singapur aseguran que conseguiron transmitir un sabor a través da rede.

Como o fixeron? Deixando á beira as explicacións técnicas, este grupo de traballo centrouse en transmitir o sabor da limonada. A través dun sensor son capaces de detectar os axentes químicos que xeran o sabor da sustancia e copiar a cor do líquido. Con esta a información recollida, esta transmítese a través da rede a outro aparello que mediante iluminación LED é capaz de imitar a cor e, aquí vén o interesante, a través de pulsos eléctricos son capaces de xerar nas papilas gustativas o sabor da sustancia para emular.

Aínda que soa todo a ciencia ficción, o experimento é unha realidade e pódese ver en vídeo:

Ao parecer, probaron o sistema con varios suxeitos e a maioría deles confirmaron detectar o sabor da limonada, pero diferenciárona da orixinal dicindo que era un pouco máis amarga. Ao parecer, a limonada emulada tiña unha cor máis clara, polo que isto lles fixo crer á maioría de suxeitos que esta ía ser menos doce que a orixinal.

Quen sabe, igual deica pouco somos capaces de saborear un prato de alta cociña sen saír de casa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.