WebP, así é o formato co que Google quere reinar na web

Na tecnoloxía todo ten que evolucionar, mesmo nos formatos de arquivo. Se o outro día celebrabamos o 30 aniversario do formato GIF, hoxe querémosvos destacar o que posiblemente vaia a ser o seu substituto natural: WebP

Por que WebP vai ser o substituto do formato GIF? Por varias razóns. A primeira e principal é que Google está detrás deste formato, co que xa ten vantaxe na liña de saída. Pero WebP ten moitas máis características que o converten no formato de imaxe da web do futuro. Explicámosvolas:

Tres formatos nun

Na actualidade a web está poboada por tres formatos de imaxe: o JPG, o PNG e o GIF. Cada un destes formatos ten as súas vantaxes á hora de utilizarse. O JPG presenta unha gran capacidade de compresión, aínda que se perde calidade nas imaxes se esta é moi esaxerada. O PNG ten menos comprensión, pero permite transparencia, a cal é moi adecuada para a web moderna. E o GIF é un formato que permite imaxes en movemento.

Google leva desenvolvendo WebP durante dez anos baixo licenza libre e está a buscar unificar estes tres formatos nun, é dicir, WebP ten moita compresión, permite transparencias e pode ter imaxes en movemento.

O peso o é todo

 Se unificar as tres características non fose suficiente, a compresión de WebP é o cabalo gañador. Segundo Google, a súa imaxe sen perdas ocupa un 26% menos que o PNG, se lle engadimos perdas á compresión o tanto por cento sobe ata o 35%. E se o utilizamos con imaxes en movemento, competindo co GIF, o peso do arquivo en WebP acaba sendo oito veces menos que un GIF tradicional.

Todas estas razóns fan que o WebP teña todas as papeletas para converterse no formato de imaxe da web do futuro. Aínda queda moito camiño que percorrer (como a compatibilidade con diferentes navegadores por exemplo), pero o certo é que o que se conta del é máis que prometedor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.