Windows Creators Update, estas son as novidades da nova actualización de Windows 10

As actualizacións son unha parte importante de calquera tipo de programa, polo que cando falamos de sistemas operativos, estas convértense en algo crítico ao que temos que facer caso. As actualizacións corrixen erros, tapan vulnerabilidades e, na maioría de ocasións, agregan novas características ao produto en cuestión.

Nos próximos días os usuarios de Windows poderemos gozar dunha nova actualización maior. Microsoft decidiu chamala “Creators Update” e ven con novidades moi suculentas que vale a pena coñecer a fondo. Hoxe contámosvos cales son e en que consisten estas novidades

O 3D chega ao sistema operativo

Microsoft quere darlle un impulso á realidade virtual e ás contornas en tres dimensións e iso nótase nesta actualización. Dentro desta aposta atopámonos con aplicacións como Windows Capture 3D que nos permite realizar modelos 3D de calquera obxecto coa nosa cámara, un novo Paint enfocado ás tres dimensións e unha compatibilidade do seu navegador, Microsoft Edge, para a realidade virtual.

Xogos e streaming

O mundo dos videoxogos é outra das novidades desta nova actualización de Windows 10. Coa introdución da aplicación Beam, poderemos realizar de maneira sinxela retransmisións a Twitch ou a Youtube de calquera xogo que esteamos a xogar nese momento. Ademais, o sistema operativo virá preparado para utilizar “Play Anywhere”, o novo sistema de Microsoft que nos permitirá xogar aos nosos xogos de Xbox no computador e viceversa.

Melloras nos contactos

A última, pero non menos importante, das grandes novidades desta actualización de Windows 10 reside nos contactos. Con Creators Update, Windows dará moita máis importancia aos nosos contactos, permitíndonos compartir de maneira moi intuitiva todo o que queiramos cos contactos que desexemos. Desta maneira, non teremos que ir aplicación por aplicación para compartir un vídeo, un documento ou unha fotografía.

Windows 10 Creators Update está dispoñible xa para a súa descarga. Tan só temos que ir ao noso centro de actualización do sistema operativo para poder descargar a nova versión. Iso si, recoméndase realizar copia de seguridade dos nosos arquivos máis importantes, polo que puidera pasar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.