Axenda Dixital de Galicia 2020: economía dixital, sector TIC e articulación dixital do territorio

20140430-axenda-dixital

O luns contabámosvos que xa está aprobada a Axenda Dixital de Galicia 2020. A nova estratexia tecnolóxica de Galicia contempla 5 liñas de actuación; xa vos falamos de valorización da Administración e vida dixital, hoxe atendemos á economía dixital, ao crecemento do sector TIC e á articulación dixital do territorio.

Economía dixital

Os desafíos neste caso son a dixitalización empresarial en sectores estratéxicos como o sector primario, o turístico, o cultural e o do transporte, e a implantación de solucións dixitais no tecido empresarial.

En canto ao turismo, o Plan Smart Turismo 2014-2020 iniciou o camiño para que Galicia se convirta nun destino turístico intelixente. Un dos elementos clave do plan é SmartCamiño, iniciativa para potenciar o Camiño de Santiago. Por outra banda, promoverase a conservación do patrimonio cultural de Galicia coa creacion do Arquivo Histórico Documental que albergará os fondos dixitalizados do patrimonio documental.

A Axenda Dixital busca ademais aumentar a competitividade do sector primario con solucións que melloren os procesos de produción, optimicen a distribución e reforcen a xestión comercial. No eido do transporte o reto será responder ás demandas dos viaxeiros e crear servizos intelixentes, integrais e personalizados.

Por último, respecto ás empresas, o obxectivo é poñer ao seu alcance as tecnoloxías accesibles vinculadas ao seu negocio. Como? A Axenda da Competitividade de Galicia contempla medidas para impulsar a industria 4.0 con fábricas intelixentes, automatizadas e interconectadas. A mellora da competitividade pasa tamén pola interconexión dos distintos sectores co sector TIC.

Crecemento do sector TIC

Dous dos obxectivos da Axenda Dixital de Galicia 2020 son consolidar o ecosistema dixital e aproveitar o talento dos profesionais TIC. Por unha banda, avanzarase na consolidación dun hipersector tecnolóxico que xere redes de valor co resto de axentes, con empresas e con sectores económicos que conformen un ecosistema dixital galego activo. Pola outra, impulsaranse novos perfís dixitais que respondan ás necesidades do mercado.

Articulación dixital do territorio

Neste ámbito a Axenda enfróntase a 3 desafíos: reforzar a seguridade cidadá aproveitando as TIC para a prevención de riscos, catástrofes e emerxencias, a nova Rede Dixital de Emerxencias, ferramenta que permitirá incrementar a capacidade de resposta ante situacións de risco, e o despregamento de redes ultrarrápidas; o obxectivo é universalizar a cobertura de 30mpbs e fomentar o seu uso por parte de cidadáns e empresas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.