Se onte che amosabamos algunhas opcións a considerar para mercar un lector de libros electrónicos, hoxe amosámosche onde descargar os libros de forma completamente legal. Existen moitas opcións para ler ou descargar libros de forma completamente legal na rede. Hoxe ensinámosche algúns exemplos, pero hai moitos máis.
Galicia Le: é a plataforma de préstamo de libros electrónicos da Xunta de Galicia. Podes acceder ao catálogo para navegar entre as súas categorías e poder ler no teu lector de libros electrónicos os préstamos seleccionados. Os préstamos duran 21 días, un tempo suficiente para ler o libro (tendo en conta que o catálogo do libro electrónico de GaliciaLe non permite a renovación dos libros prestados).
Para empregar esta plataforma tes que ser usuario da rede de bibliotecas, pero agora co carné único é moito máis sinxelo!
Proxecto Gutenberg: é un repositorio que contén máis de 40.000 libros gratis. Na súa base de datos conta con obras en máis de cincuenta linguas (tamén en galego, aínda que a presenza é mínima) clasificadas por idiomas, autores ou títulos.
As descargas das obras poden facerse en diferentes formatos, incluíndo os máis habituais (epub e Kindle)
Biblioteca Dixital Mundial: é un proxecto da UNESCO, desenvolto por un equipo da Biblioteca do Congreso dos EEUU.
Está dispoñible en 7 idiomas e almacena na súa base de datos documentos de culturas de todo o mundo e de todos os tempos (nos que había cultura escrita, claro). Dentro do seu catálogo atoparemos libros, mapas, manuscritos, partituras, gravacións, películas, fotos, ilustracións…
Feedbooks. É unha librería virtual que tamén ofrece libros de dominio público de forma gratuíta, libres de dereitos.
Con esta oferta enriba da mesa, xa non tes escusa para pasar a forma parte do club de lectores dixitais.

