“Colaboración e participación dixital para o terceiro sector”, mañá no CDTIC

Actividade_CDTIC

A Amtega celebra mañá no CDTIC a sétima xornada do Programa de Formación en Software Libre para o Terceiro Sector. Entre as 10:00 e as 20:30 falarase de colaboración e participación dixital para o terceiro sector con ferramentas libres.

Como facer máis inclusivos os debates e as decisións nun proceso participativo ou como desenvolver propostas ben feitas e integradoras, son algúns dos temas que se van tratar no obradoiro. Analizaranse as diferentes plataformas tecnolóxicas existentes para habilitar estes procesos. Afondarase na plataforma e-cidadania, elaborarase un mapa no que se plasmará para que serve cada ferramenta e como poden complementarse cos dispositivos móbiles presentes na sala.

A actividade está dirixida a responsables, persoal e persoas voluntarias de asociacións ou entidades do terceiro sector. Impartirá o obradoiro Ana Lorenzo Vila, socia traballadora da empresa Cidadanía cuxo exercicio profesional céntrase no impulso das democracias participativas, principalmente nos ámbitos da participación cidadá nas políticas públicas e no impulso do cooperativismo.

A actividade é de balde. Só tedes que inscribirvos na web do CDTIC. Xa sabedes que estas xornadas son froito da colaboración entre a Amtega e a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN).

“CiviCRM: captación de fondos e comunicación cos grupos de interese no terceiro sector”, o 15 de outubro

O seguinte paso do Programa de Formación en Software Libre para o Terceiro Sector é a formación sobre CiviCRM que se celebrará o xoves da semana que vén no CDTIC. A través deste seminario, os asistentes poderán coñecer as vantaxes de empregar un CRM para a innovación e a optimización dos seus procesos. Esta ferramenta está orientada ás necesidades das organizacións sen ánimo de lucro.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.