De viaxe á aula Cemit da Bola (Ourense)

Hoxe en Xente Dixital presentamos unha nova sección. Percorreremos as aulas Cemit que ten a Amtega distribuídas por toda Galicia para coñecer aos seus responsables e visitarmos por dentro cada unha delas. Hoxe achegámonos ata A Bola, onde nos recibe Félix González.

Como é a experiencia dunha Aula Cemit nunha zona rural como a túa, Félix?

A experiencia é enriquecedora dende moitos puntos de vista. Atópome con moitas persoas maiores que xa están xubiladas, pero contan con unha boa saúde en todos os sentidos, e con boa capacidade de aprendizaxe. Hai dous grupos diferenciados: uns teñen curiosidade polas tecnoloxías modernas, e atrévense a vir a clase a aprender todo o que se lle poña por diante, e outros teñen esa vergoña inicial que lles suxire auto convencerse para afastarse do mundo dixital, escudándose en que son moi maiores xa para poder aprender este tipo de cousas.

20150910_094357

O segundo dos perfís ten medo ou vergoña de non ser capaz de controlar este mundo descoñecido para eles; pero unha vez que pasan ese freo inicial e veñen a clase (ás veces convencidos por outras persoas próximas), convértense en persoas interesadas e cunha autoestima neste sentido moito maior, que os convirte en capaces e felices usuarios das novas tecnoloxías, dispostos a aproveitar ao máximo as posibilidades que a tecnoloxía lles ofrece.

A fenda dixital… é un mito ou unha realidade?

Eu penso que a fenda dixital existe claramente, incluso diría que é alarmante por algúns dos motivos que contestei na pregunta anterior.

A alfabetización dixital é moi distinta segundo a idade e tamén o entorno, e no rural, facer que os maiores se sintan a gusto, e vexan a tecnoloxía como unha axuda, contribúe a diminuír a fenda. É moi necesario que se encontren cómodos aprendendo, que vexan a utilidade no día a día, esta é a clave para cambiar a percepción e poder progresar.

Moitos dos teus alumnos son xente maior, que pode amosar certas reticencias ao uso das novas tecnoloxías. Como se loita contra estas barreiras autoimpostas polos alumnos?

As claves para que se sintan cómodos son varias:

Unha delas e a asistencia en grupo, cando veñen varios veciños que se coñecen, con idades parecidas, séntense menos solos e máis predispostos ó proceso de aprendizaxe.

Recordarlle o seu progreso e, por outro lado, intentar que lle saquen partido dende o minuto un a internet fai que se enganchen neste tema e que amosen unha actitude interesada. A diversión e o entretemento non poden faltar, para que teñan confianza e lles resulte agradable.

Se lles vas recordando todo o que van aprendendo, consegues que se sintan orgullosos de si mesmos, isto é importantísimo porque volven a sentirse útiles, tal e como deberían sentirse.

20150910_094602_Richtone(HDR)

Aproximadamente, cantos usuarios ten a Aula Cemit de A Bola?

A aula de A Bola é pequena, dado que pertence a un concello pequeno. Isto tamén fai moi próxima a relación cos veciños, e obríganos a desenvolver un importante papel social na convivencia e nas relacións ente persoas.

Temos unha clase con capacidade para 10 postos de aprendizaxe. Altérnanse días pares con impares para formar varios grupos, aumentando así as posibilidades. A maiores, o apoio tecnolóxico que se ofrece permite atender as persoas que desexen pasar pola aula, para intentar buscarlle solución as súas inquedanzas relacionadas con este campo.

O número concreto sería difícil de cuantificar posto que varía en función dos cursos, das necesidades, e do momento.

Seguro que entre tanto alumno tes que tes algunha anécdota interesante!

Hai moitas anécdotas interesantes: unha delas e o interese por as persoas que foron emigrantes, por ver de novo aqueles lugares onde pasaron parte da vida no estranxeiro. Outras desexan escribirlle aos seus fillos por correo electrónico e gastarlle bromas. Socializan dunha maneira moito máis desenvolta, e incluso se gastan bromas entre os alumnos, escribíndose mensaxes entre veciños por correo electrónico.

Por suposto, o WhatsApp fai acto de presencia cando aprenden a usar o móbil, e demostran que a segunda ou terceira xuventude é real. Estas son so unhas pouquiñas anécdotas das moitas que se dan na clase.

Cales son os cursos que máis demanda teñen na Aula Cemit de A Bola?

Na Bola, os cursos máis demandados son os de iniciación a informática, aprendizaxe no uso de móbiles e tabletas dixitais, compras por internet, uso de aplicacións útiles dende dispositivos móbiles…

1 comentario

  1. María Dolores Lestido García

    Ola, actores e actrices da CEMIT de A Bola!
    Foi un placer tervos en Valga, e descubrir unha pequena parte das lendas do voso concello, do voso ser.
    Saudiños dende o corazón.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.