A eficiencia enerxética na Administración: dende a formación á aplicación práctica

O aforro enerxético é algo que nos atinxe a todos, porque a todos nos afecta por igual. É por iso polo que dende a Administración se impulsan con forza as actuacións relativas á maior efectividade dos aparellos eléctricos e ao menor consumo enerxético.

É por iso polo que periodicamente teñen lugar actividades de difusión da cultura do aforro, como as que impulsa a Amtega a través do Centro Demostrador TIC.

Formación en eficiencia enerxética

Trátase de xornadas sobre o aforro de custes enerxéticos a través das TIC como a que tivo lugar o pasado 6 de xuño sobre “Redución de custos mediante a implantación de sistemas de xestión enerxética”. A través desta xornada amosaban a solución de aloxamento de pagamento por uso baseado nun entorno Cloud para a xestión enerxética das instalacións do cliente.

Eficiencia Enerxética no CPDI. Á vangarda tecnolóxica

As xornadas de sensibilización coa eficiencia enerxética son interesantes, pero quedarían en nada se non se “predica co exemplo” e se asume a aplicación práctica dende a Administración pública.

Ainda que xa temos falado do CPDI noutras ocasións, esta semana que falamos da eficiencia enerxética queremos contarvos de primeira man cómo se maximiza o aforro no cerebro da Administración galega.
O consumo enerxético destes equipos, xa de por si elevados, deixa de ser tan elevado polo simple feito de aglutinar nunha mesma ubicación todos os CPD que tiña a Xunta. Ademais desta medida de aforro, a eficiencia enerxética conséguense a través de varias liñas de acción:

Pechadura dos pasillos de aire

A distribución dos equipos oriéntase para xerar pasillos de aire frío e pasillos de aire quente. Do que se trata é de pechar os pasillos de aire frío e concentrar todo o frío á entrada dos ventiladores dos servidores, logrando un aforro enerxético de entre o 10 e o 12% na factura enerxética. Cómo é posible isto? Pois porque os equipos de climatización, pese ao que poida parecer,  funcionan de maneira máis eficiente canto maior sexa a diferencia entre a temperatura do aire quente que recollen e a do aire frío que impulsan. Confinar o aire frío do CPD fai que non se mesture co quente, e así non se precisa dun sobreesforzo de refrixeración e as máquinas refrixeradoras funcionan dun xeito óptimo.

Temperatura

Habitualmente, os equipos aloxados nun CPD adoitan traballar a unha temperatura ambiente duns 18-20º, pero dado que as novas máquinas veñen preparadas para traballar a pleno rendemento a temperaturas de ata 27º centígrados, pódese manter unha temperatura máis alta, de entre 23 e 24 graos (case 5 graos máis ca antes), que pemite manter unha diferencia de seguridade con respecto á máxima temperatura e, ao tempo, toda a sala require dun menor esforzo en refrixeración, co cal o consumo enerxético vese reducido.

Free Cooling

Con este termo estamos a falar da “enfriadora”, que posúe unha característica única: colle o aire exterior cando a súa temperatura é 2º centígrados inferior ó da auga de retorno dos equipos de climatización para aproveitalo na refrixeración interior dos aparellos. En qué se traduce este aforro? Cando a temperatura exterior é a adecuada, as máquinas de refrixeración non precisan traballar tantas horas. Esta medida supón un aforro de entre un 7 e un 15% na factura enerxética.

Redundancia

Todo está redundado. No tocante ao sistema de refrixeración, existen dous motores independentes na enfriadora propia do CPDi. En calquera caso, para dotar de maior redundancia ao CPDi está prevista a conexión coa central de frío da Cidade da Cultura, o que permitirá tamén aumentar a eficiencia enerxética de todo o complexo, acadando unha maior utilización da central de frío, o cal fará que traballe nun punto de maior eficiencia xa que terá que arrancar moitas menos veces (e o maior consumo prodúcese no arranque).

Pero tamén mellorará a eficiencia enerxética do propio CPDi, xa que esta central de frío traballa con torres de evaporación de auga e absorción de calor das mesmas que teñen un rendemento moi elevado.

A Cidade da Cultura, ademais, é o entorno óptimo para albergar o CPDI, xa que o nivel de redundancia eléctrica é moi elevado. Ao Gaiás chegan dúas subestacións eléctricas (no caso de que falle unha, abastece de enerxía a outra), e no hipotético caso de que fallasen as dúas subestacións (algo que nunca aconteceu), saltarían os equipos de emerxencia, permanecendo o tempo suficiente para que se conecte un grupo electróxeno con capacidade para funcionar cun mesmo depósito de combustible durante 24 horas, sen prexuizo de rechealo durante ese período de tempo. Dende logo, o CPDI da Xunta está, cando menos, á altura doutros CPD de grandes compañías privadas.

Para a elaboración desta información Xente Dixital contou coa colaboración de Adrián Lence, director da  Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da Amtega, quen nos revelou cómo se consegue nun xigante informático como é o CPDI un aforro estimado de ata o 27% (unha cuarta parte!!!) da factura enerxética do consumo dos centros de proceso de datos da Xunta de Galicia.

Como vedes, en termos de eficiencia enerxética todo está milimétricamente deseñado para que os servizos prestados, ao final, nos saian máis económicos a todos os galegos e galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.