“Estar en contacto con voluntarios que queren compartir os seus coñecementos e o seu tempo é moi enriquecedor para a entidade”

Voluntariado Dixital

Usuarios e voluntarios dixitais da Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos

Hoxe quixemos facer unha entrevista diferente e achegarnos á Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos para falar con Charo, a súa coordinadora. A asociación é colaboradora do Programa de Voluntariado Dixital.

Fálanos da asociación. Como xorde? Con que colectivos traballades e que servizos ofrecedes?

A colaboración con Voluntariado Dixital faise a través das dúas entidades que representamos: A Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos e o Club San Francisco Teo.

A Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos é unha entidade que naceu no 1992 que se centra na animación sociocultural e na intervención sociocomunitaria, ofertando diversas actividades e servizos dende os 0 ata os 90 anos. Dende a súa creación, a Asociación intenta ofrecer un espazo e un proxecto co que cada un dos cidadáns se sintan identificados. Destacando sempre a súa maior aposta que é ofertar a posibilidade de facer realidade unha conciliación familiar, laboral e persoal. A súa maior labor esta dirixida á infancia, xuventude e á xente maior.

O Club San Francisco Teo é outra das entidades que tamén colaboran con Voluntariado Dixital. Xorde no ano 2000 e segue o lema de “Unha alternativa á rúa”, unha metodoloxía de traballo baseada nos valores, como piar fundamental de toda práctica deportiva. Todas as modalidades deportivas: Karate, Fútbol Sala, Judo, Fútbol Americano e Xadrez, teñen como finalidade proporcionarlles aos e ás deportistas a formación necesaria que lles permita medrar como persoas.

A nosa traxectoria é mostra do traballo constante e o esforzo como comezo do camiño a percorrer para a consecución dos méritos obtidos (chegando a competir a nivel nacional e internacional). Concibindo sempre a competición como un espazo de formación e aprendizaxe, onde pór en práctica os valores adquiridos e non como un medio de determinar vencedores e vencidos.

Dende cando colaborades co Programa de Voluntariado Dixital e que actuacións desenvolvestes neste caso?

Colaboramos co Programa de Voluntariado Dixital dende o ano 2012. Nestos tres anos, contamos con voluntarios que desenvolveron diferentes iniciativas no eido das novas tecnoloxías: elaboración dun blog para o Club dos Maiores, onde os protagonistas eran os propios maiores, Alfabetización Dixital para persoas maiores levada a cabo por un igual (unha persoa maior de 65 anos), maquetación e deseño dunha publicación centrada “Na nosa historia”. Pero debemos destacar a colaboración especial de José Luís Varela Martínez, o noso guía e maior apoio na elaboración da nosa nova páxina web: www.arcostilos.org.

Como valorades e que vos aportou VolDIX?

Moi positivamente. Poñernos en contacto con voluntarios/as que queren compartir os seus coñecementos, así como o seu tempo, é moi enriquecedor para a entidade, especialmente pola unión entre voluntariado e novas tecnoloxías, posto que consideramos que é unha área onde realmente existen moitas necesidades por parte da cidadanía en xeral. Debemos destacar tamén a gran oferta formativa á que todas as entidades inscritas temos acceso. Para nós é fundamental coñecer as experiencias que se realizan noutros centros, os avances en materia de novas tecnoloxías, así como o apoio real de todo o equipo ante calquera necesidade puntual nesta materia.

Como continúa a tarea de fomentar o uso das TIC na vosa contorna?

O fomento das novas tecnoloxías é unha tarefa complicada con certos colectivos tales como as persoas maiores pero a nosa labor, é xustamente aproveitar todos os medios que o programa de Voluntariado Dixital nos ofrece. Neste sentido, contamos cun traballo semanal en torno á elaboración e mantemento do blog do Club dos Maiores, a elaboración das publicacións dixitais, e por suposto, a nosa nova páxina web: www. arcostilos.org, onde hai un traballo colaborativo de fondo, que aúna unha vez máis a solidariedade e as novas tecnoloxías.

Fálanos dalgún dos proxectos nos que esteades a traballar.

Actualmente, estamos levando a cabo un proxecto innovador: “Informática Interxeracional”, onde aunamos o coñecemento dos máis novos coa experiencia das persoas maiores. É un proxecto a través do cal os máis cativos achegan as novas tecnoloxías ós máis maiores e, ao mesmo tempo, os maiores transmiten o seu coñecemento con respecto ás diferentes temáticas traballadas durante a sesión. Ambas as dúas partes se enriquecen a todos os nives; é un recoñecemento do que todos podemos aportar e unha gran satisfacción ó facelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.