Guía practica | Como escoller un lector de libros electrónicos

inkpad_482_310_wwHoxe traemos unha guía práctica diferente. Xa que o sábado se celebra o día do libro, queremos ofrecerche algunhas pistas para mercar un lector de libros electrónicos.

Como acontece con boa parte dos trebellos tecnolóxicos, hainos mellores que outros, son bos ou malos… en función do uso que vaias a facer do dispositivo. Velaquí che amosamos algúns elementos que debes considerar á hora de mercar un libro electrónico:

Peso                            

Con este apartado non ha dúbida: canto menos pese, mellor. Estamos a falar de gramos, pero non esquezas que o libro vai a estar nas túas mans moito tempo, así que é mellor ter algo lixeiro e que non incomode ao suxeitalo.

Tamaño de pantalla

O tamaño da pantalla, como veredes á hora de comparar prezos, está estreitamente relacionado co prezo destes trebellos. Os ebooks máis económicos teñen unha pantalla de 4,3 polgadas (lembras como se medían as polgadas? Explicámolo en Xente Dixital) e poden mercarse por uns 60 ou 70 euros.

O tamaño máis habitual é o de 6 polgadas. Fíxate na resolución, o mínimo debería ser 800×600. A máis resolución, máis nítidas verás as letras.

Tipo de pantalla

Hai varios tipos de pantalla: TFT, LED ou tinta electrónica son os máis populares.

As pantallas TFT e LED (sobre todo esta última) son as que empregan os monitores e ordenadores portátiles hoxe en día. Teñen unha calidade de pantalla moi boa, pero moitos usuarios non poden aguantar horas e horas diante do ordenador.

A tinta electrónica soluciona ese problema; a lectura é clara, sen brillos e con gran calidade, case coma se estiveses a ler un libro de verdade. O único inconveniente (pero non é molestia) é que a velocidade de refresco é moito menor, aínda que iso é o que fai que a batería destes trebellos dure case un mes.

Iso da velocidade de refresco xa sabes que é, non? Pregúntalle a un tal Hertz

Pantalla iluminada

Un punto importante en función do uso que vaiamos facer deste dispositivo.

Os modelos máis modernos adoitan incorporar unha pantalla iluminada para facilitar a lectura en situacións de baixa luminosidade ou de noite.

Este tipo de pantallas iluminadas non cansan a vista (como acontece coas tablets, por exemplo) porque non se trata dunha pantalla retroiluminada, senón que a luz que emite envíase cara a pantalla e non directamente cara os nosos ollos.

Outra vantaxe deste tipo de pantallas é que non reflicten ningún tipo de luz, o que nos leva a considerar os e-readers como un bo dispositivo para os exteriores.

E cal merco?

Con estas cuestións claras, xa é posible comezar a mirar prezos de diferentes trebellos. O rei é o Kindle, pero hai vida máis aló de Amazon. Sony facía (deixou de fabricar e-readers) moi bos libros electrónicos. Tagus (de Casa del Libro) e o modelo Cervantes de BQ (tamén o encontrarás en Media Market) son estupendas alternativas para que poidas aproveitar un fin de semana de lectura… dixital.

3 comentarios

  1. Amador

    Por completar un pouco o artigo, que parece cinguirse a cuestións técnicas (como todas as guías de escolla, non vos sintades culpables :D) quixera apuntar algunha cousa máis:

    – O sistema operativo. Se é posible probar o dispositivo nalgunha tenda, mellor. Senón, pódese ver algunha demostración na web do fabricante ou con algún vídeo de Youtube. Como se xestiona o dispositivo a nivel de menús, opcións, etc. pode marcar a diferencia, cando o resto de características técnicas non nos din nada.

    – Tamén o número de diccionarios ou tradutores que inclúa. Se estás aprendendo outras linguas, pode ser moi útil que incorpore diccionarios para elas e así facilitar a lectura.

    – Que o sistema operativo sexa sinxelo de actualizar e incorpore novas funcionalidades con frecuencia. Pódese ver na web dos fabricantes ou nos seus foros, para ver como evolucionan o seu software.

    – A posibilidade de aumentar o almacenamento con tarxetas adicionais, habitualmente microSD. Así non teremos que preocuparnos polo espacio. Tarxetas de 8 ou 16Gb. son máis que suficientes para conter máis libros dos que poderías ler na túa vida e o seu prezo é moi asequible.

    – E finalmente como é o seu tacto, forma, e disposición de botóns (se tens). Por exemplo, onde estea situada a conexión do cargador pode complicar o uso do dispositivo mentras carga. Ou como está situado o botón de acendido/apagado e se é fácil premelo “por erro”.

    En xeral hai un montón de factores adicionais a ter en conta. Algúns deles podes probalos achegándote a unha tenda e vendo se podes probalo por uns minutos. En ocasións isto será máis decisivo que as características técnicas, moitas veces pouco conclusivas pola similitude entre varias marcas.

    (Para futuros produtos, aconséllovos usar criterios distintos para que as persoas podan valorar con máis coñecemento)

    Reply
  2. Pingback: O mellor do mes de abril - Xente Dixital

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.