Cando vos falabamos de “primeiros pasos dun negocio na rede” estabamos escribindo as primeiras liñas de calquera plan de comunicación. Comezamos por unha análise interna do negocio (que hai de min na rede), por outra análise da competencia, por unha lista de obxectivos e pola estratexia de comunicación e contidos. Seguinte paso?
Imaxe
Case nunca lle damos a importancia que ten. Antes de facer a primeira actualización no blog ou no Facebook, creade ou encargádelle a un deseñador a imaxe de marca da vosa empresa. Contar cun logotipo e con deseños para a web e as redes sociais, permítevos gañar prestixio e profesionalidade na rede.
As canles
Que fago para conseguir visibilidade na rede? Cada caso é diferente. Pero é probable que necesitedes unha web (informativa ou con algunha funcionalidade adaptada ao voso caso: formulario de reservas, pasarela de pago, etc.), un blog para formar e fidelizar á xente que vos segue, e as redes sociais que mellor se adapten á vosa marca. Necesitades estar en todas?
Os contidos
Levamos tempo dicindo que o contido é o rei da rede. E facédenos caso cando vos dicimos que é moi útil facer o exercicio de crear unha lista de temas a tratar, un calendario no que fixar que tema tratar no blog e nas redes sociais durante o mes e outro coas datas importantes para vós. Organizar o contido que ides publicar e pensar como o ides desenvolver –entrada no blog, vídeo para o blog e as redes sociais, etc. – vaivos axudar a acadar os obxectivos marcados en comunicación.


