Seguimos presentándovos redes sociais temáticas…, e de viaxes. Despois de Tripadvisor, entramos en minube.com. Defínense como “comunidade de viaxeiros para amantes das viaxes que permite aos usuarios inspirarse para decidir os seus destinos”.
Inspírate
En minube aseguran que non hai mellor maneira de descubrir e decidir o próximo destino que a través das recomendacións reais doutros viaxeiros con gustos similares aos teus. Invítannos a descubrir máis de 180 países e máis de 15.000 cidades de todo o mundo. E avisan: “coidado que engancha”.
Aínda sen plans para Semana Santa? Podedes navegar en minube buscando ideas para irse de fin de semana, un plan para relaxarse ou para desfrutar con nenos, escoller entre algunha das moitas cidades propostas, etc.
Planifica
Despois de inspirarte nas experiencias compartidas polos teus amigos, escolle destino, selecciona os lugares que queres visitar, os restaurantes nos que vas comer, busca aloxamento e gárdao todo no teu perfil para crear a túa guía personalizada.
Compara
Despois de planificar a túa viaxe, en minube podes comparar prezos de voos e hoteis en máis de 45 webs. Non é necesario que saltes de web en web; podes planificar e reservar voo e hotel para a viaxe “sen saír” de minube. Ademais presumen de non cobrar comisión pola xestión.
Comparte
A clave do éxito de minube está na maneira en que os usuarios comparten as súas experiencias de viaxe. Permítenos crear o noso blog de viaxes para compartir historias, fotos, vídeos, etc. Cando compartimos axudamos a outros viaxeiros e inspirámonos para a próxima viaxe.



