Se a semana pasada vos falabamos de Facebook como canle de venda, hoxe queremos compartir como podedes usar Twitter para aumentar as vendas da vosa tenda en liña. Comezamos polo máis básico.
- Interactúa. Parece obvio pero é un erro moi común en Twitter; moitos usuarios limítanse a publicar tuits con información e ligazón aos seus produtos. Para medrar é obrigatorio interactuar con usuarios vinculados co sector ao que pertenza a tenda ou con potenciais clientes. Non é doado gañar seguidores en Twitter pero estes confían nas marcas que seguen.
- Tuits patrocinados. Coidar a comunicación todos os días é fundamental, pero podemos coller un atallo. Podemos promocionar o perfil para gañar seguidores con facilidade –preparádevos para facer un investimento importante– ou promocionar tuits que nos interesen: un produto novo, unha oferta, etc.
- O botón “comprar”. Xa está dispoñible nos Estados Unidos e agardamos que chegue pronto a Europa. Este botón que aparecerá nos tuits que nós escollamos, pode aumentar significativamente as vendas do noso ecommerce a través da comunicación en Twitter.
- Stripe para vender directamente en Twitter. Hai pouco que Twitter chegaba a un acordo con Stripe para incluír Relay; unha API para tendas en liña que lles pemite publicar os seus produtos para a venda directamente dentro de Twitter. Con Relay podemos permitir compras instantáneas en aplicacións móbiles de terceiros. Ademais só pagamos cando se realiza unha compra.
Tedes un ecommerce? Que tal vos funciona Twitter? Compartide con nós algunha app sobre a que non vos falaramos ou contádenos de que rede social tirades máis proveito para conseguir máis vendas.