Este luns presentábase a iniciativa Galicia Open Future, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e Telefónica. O obxectivo é potenciar o emprendemento innovador na Comunidade. Desenvolveranse 50 proxectos empresariais innovadores que tirarán proveito dos recursos e ferramentas da rede Open Future da multinacional.
Galicia Open Future terá a súa sede na Cidade da Cultura, onde se albergará o centro de crowdworking. Dende aquí os usuarios poderán acceder a actividades de formación e mentoring. A disposición en rede dos espazos de crowdworking da Open Future e o acceso á plataforma openfuture.org, permitirá a comunicación entre milleiros de emprendedores.
A convocatoria estará aberta ata o próximo 15 de xuño. Todas as empresas e profesionais interesados en incorporarse poden presentar as súas candidaturas cubrindo o formulario de inscrición que atoparán en galicia.openfuture.org e poden consultar dúbidas no enderezo de correo galicia.crowdworking@openfuture.org. O proceso de selección remata a mediados de xullo.
A duración do programa é de seis meses prorrogables en períodos de 3 meses. Unha vez finalizada esta etapa, seleccionarase os tres mellores proxectos de cada convocatoria. O obxectivo é que o centro se convirta nun acelerador de proxectos no ámbito TIC.
Programa de Incentivos da Xunta
Gracias ás achegas da Axencia Galega de innovación e do Igape, ofrecerase a cada proxecto seleccionado en cada unha das convocatorias, unha bolsa de 2.000 €. As tres mellores iniciativas de cada convocatoria recibirán unha axuda de 25.000 € para a súa execución. Ademais, a terceira liña do programa contempla 3 préstamos reembolsables de 25.000 € cada un para os tres mellores proxectos anuais que se constitúan previamente como empresa.
Galicia, primeira comunidade en abrir unha convocatoria Open Future
Galicia é a primeira Comunidade do Estado na que se abre unha convocatoria Open Future. Chega despois de asinar Telefónica o Pacto Dixital de Galicia en novembro do ano pasado. A multinacional aportará 850.000 € anuais para o funcionamento e operativa do centro de crowdworking, que ocupará unha superficie aproximada de 400 metros cadrados das instalacións do Centro de Emprendemento do Gaiás.


