Que é o dereito ao esquecemento?

delete-674x318

A mediados de maio saltaba a nova da sentenza contra Google do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre o dereito ao esquecemento na rede. Este mércores analizaremos esa sentenza e repasaremos o caso de Mario Costeja, o galego que levou o caso ao tribunal europeo. Antes cómpre responder á pregunta: que é o dereito ao esquecemento?

Pere Simón, investigador da Cátedra de Cultura Xurídica da Universidade de Girona, investigou sobre “O dereito ao esquecemento no universo 2.0” no 2012. Parte dun escenario no que a innovación tecnolóxica convirte a memoria humana en memoria dixital. Fronte a isto xurdiu a necesidade de recoñecer o dereito ao esquecemento na rede entendido como o dereito a equivocarse e a comezar de novo ou o que é o mesmo, a capacidade de esixir o borrado de datos persoais en internet.

Nos últimos anos medrou significativamente o número de cidadáns que se dirixen ás autoridades en materia de protección de datos demandando a tutela dos seus dereitos e o borrado dos seus datos persoais. A preocupación xorde da negativa dos responsables e administradores de páxinas web e redes sociais a borrar os datos dos usuarios rexistrados. No 2010, a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) rexistrou un aumento dun 56%, respecto ao ano anterior, das reclamacións para a eliminación de datos na rede.

En Francia e Italia, por exemplo, existe xurisprudencia consolidada que recoñece o dereito ao esquecemento dixital. No caso de España, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea acaba de resolver o litixio que mantiñan dende había anos a Axencia Española de Protección de Datos e Google España. Durante esta semana analizaremos a sentenza e as súas consecuencias.

Antes, no post de mañá, entraremos na web da AEPD e contarémosvos que pasos tendes que dar se queredes reclamar a eliminación dos vosos datos persoais en internet.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.