Volta ao cole en Xente Dixital: últimas novidades no Espazo Abalar

espazoAbalar

Esta semana en Xente Dixital volvemos á escola para, entre outras cousas, contarvos as últimas novidades no espazoAbalar, compartir sitios web creados para os máis novos ou suxerir algunhas aplicacións móbiles perfectas para estudar. Hoxe preguntámonos que está a acontecer agora en Abalar.

Na páxina web do espazoAbalar ofrécese coma sempre acceso a contidos para alumnado e familias, e para centros e profesorado. Tamén se poden consultar as últimas experiencias TIC desenvolvidas nas aulas galegas e os Blogues Abalar, con información de interese sobre educación e novas tecnoloxías. Ademais, na web podemos consultar información de actualidade de interese para familias e sector educativo.

Actualidade Abalar

Na lista de novidades para este curso 2014/2014 destaca a implantación do proxecto E-DIXGAL, para a implantación do libro dixital nos centros educativos galegos. Este ano beneficiará a máis de 2.300 alumnos de 5º de primaria de 84 centros Abalar que se adscribiron á iniciativa.

Alumnos e profesores traballarán nun entorno virtual de aprendizaxe con acceso a contidos para 5º de primaria de dous provedores: a editorial EDEBÉ e a empresa de contidos dixitais Netex.

Os docentes contarán cos contidos formativos da plataforma dixital, aos que poderán sumar os máis de 2.000 recursos educativos dixitais do espazoAbalar. Pola súa banda, os alumnos poderán acceder ao material seleccionado polo profesor a través dun dispositivo con conexión á rede ou offline, a través do seu netbook.

Dende o pasado 8 de setembro, profesores e estudantes teñen á súa disposición na plataforma cursos de teleformación orientados a cada un dos perfís. Pode accederse á plataforma dende calquera dispositivo con conexión a internet, sempre que se faga uso das claves que lle serán entregadas ao alumno no centro.

Ademais da posta en marcha de E-DIXGAL, na actualidade Abalar destaca que a rede social do profesorado Redeiras supera os 10.000 usuarios rexistrados. Redeiras pon en contacto ao profesorado dos centros educativos galegos e proporciona un espazo de comunicación e colaboración no que intercambiar ideas, propostas, recursos, etc. Ademais é a plataforma de traballo para o Plan Proxecta, iniciativa da Consellería de Cultura e Educación para fomentar a innovación educativa.

1 comentario

  1. Pingback: Abalar chegará a 2.800 aulas máis - Xente Dixital

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.