Retegal participa no proxecto Green, na procura da eficiencia enerxética dos servizos de telecomunicacións

Se nunca escoitaches falar de Retegal – cousa probable – simplemente comentarche que é a empresa pública autonómica que fai posible, entre outros, que poidas ver a televisión ou utilizar a internet sen problemas. É unha empresa de capital público, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que xestiona e explota infraestruturas, sistemas e servizos de telecomunicacións no ámbito da nosa Comunidade Autónoma. Posúe a rede de radiodifusión máis ampla de toda a Comunidade Autónoma, tanto en infraestruturas de transporte coma de difusion.

No ámbito das telecomunicacións tamén se procura a eficiencia enerxética, e precisamente por iso, Retegal participa xunto a outras tres empresas no proxecto GREEN

Que é?

O obxectivo do proxecto GREEN é conseguir que a rede dun operador de telecomunicacións sexa moito máis eficiente, reducindo o consumo enerxético dos equipos empregados e optimizando o uso do espectro radioeléctrico, conseguindo así un importante aforro de custos na prestación de servizos do operador.

Por que?

Nos últimos anos, os servizos relacionados coas telecomunicacións sen fíos medraron de xeito moi acusado, co cal tamén medrou a demanda enerxética e, ao tempo, o prezo da factura eléctrica. Así, os aspectos relacionados co aforro e coa eficiencia enerxética manifestan a súa importancia.

Como se consegue esa eficiencia?

A necesaria optimización dos recursos cos que conta o operador de telecomunicacións está no centro das solucións que se procuran dende o proxecto GREEN. Para iso, destaca entre as liñas de actuación a obtención do primeiro mapa de claros espectrais en Galicia (para así coñecer a ocupación efectiva do espectro radioeléctrico na comunidade galega) ou o desenvolvemento de sistemas de monitorización de consumo enerxético (para reducir os custes de explotación).

Amplía información

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.