Como coñecer todo o que sabe Google de ti

Que as grandes empresas que ofrecen servizos gratuítos solicitan información da xente que as visita o sabemos todos, pero o que igual non somos do todo conscientes é da cantidade de información que unha gran empresa como pode ser Microsoft, Google ou Facebook sabe de nós.

Para sabelo, e ser conscientes diso, podemos acceder á información que saben de nós. E é que coa entrada en vigor do novo regulamento europeo de protección de datos ( GDPR/ RGPD), estas empresas están obrigadas a que nós, os usuarios, podamos acceder de maneira sinxela a todos os datos e información que dispoñan sobre nós.

Como podemos saber o que Google sabe de nós? É sinxelo, utilizando unha ferramenta deseñada pola propia Google: Google  Takeout.

Como utilizar Google  Takeout

O primeiro que temos que facer é, desde o noso navegador, iniciar sesión na nosa conta de Google. Tan sinxelo como ir a  google.com e na parte superior esquerda darlle a “Iniciar sesión” e introducir o noso correo e contrasinal.

A continuación temos que ir a Google Takeout a través desta ligazón. Cando esteamos dentro, veremos unha lista de aplicacións e servizos de Google que podemos activar ou desactivar. Desta maneira podemos escoller de que servizos queremos que se descargue a información que ten Google sobre nós. Nalgunhas seccións tamén podemos facer outro filtro, seleccionando só o que nos interese.

Unha vez teñamos escollidos os servizos e os filtros, dámoslle a seguinte e dende aí configuraremos como queremos que Google nos dea os nosos arquivos. Podemos escoller que nos envíen o arquivo, descargalo ou que o suban á nube.

Para finalizar dámoslle a “Crear arquivo para proceder”. A partir dese momento xerarase o noso arquivo e, segundo a cantidade de información, é posible que tarde un tempo (horas e mesmo días). Desta maneira recibiremos un arquivo con toda a información que ten Google de nós.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.