Protexe os teus datos: como poñer contrasinal a un pendrive

Cantas veces perdemos un pendrive? E cantas veces desexamos que ninguén puidese acceder aos datos dese pendrive perdido? Seguro que nos ocorreu algunha vez. Pois para todas esas ocasións que igual veñen, protexer o noso pendrive cun contrasinal pode ser unha opción para ter en conta se queremos protexer os datos que hai nel.

Para afastar os arquivos do noso pendrive de miradas indiscretas hai varias estratexias que podemos seguir. Hoxe ensinámosvos dúas opcións para escoller á hora de protexer eses arquivos, todas elas moi sinxelas e directas de facer.

Poñer contrasinal aos nosos arquivos

Aínda que soa moi lóxico, poñer un contrasinal de acceso aos arquivos é algo que non facemos habitualmente. Os dous paquetes de ofimática máis usados, Microsoft Office e Libreoffice, permiten gardar os nosos arquivos con contrasinal.

En LibreOffice podémolo facer a través do proceso de gardar, xa que desde Arquivo – Gardar como, o paquete permítenos marcar a opción de poñerlle o contrasinal ao arquivo. En Microsoft Office facémolo desde a pestana información, onde nos dá a opción de cifrar o arquivo mediante un contrasinal.

En moitos programas máis existe a opción de gardar os nosos arquivos cun contrasinal asociado, pero se non o ten, a maneira máis sinxela é comprimir o noso arquivo (en zip ou en rar) e poñerlle un contrasinal a esa compresión.

Cifrar o pendrive

Se somos usuarios de Windows (superior á versión XP) poderemos cifrar todo o noso pendrive de maneira moi sinxela. O sistema operativo de Microsoft (se temos Windows 10 teremos que ter a versión Prol) ten unha funcionalidade chamada Bitlocker que nos permite bloquear mediante contrasinal calquera unidade, entre elas os pendrive.

Para acceder a ela temos que ir ao panel de control, seleccionar a vista de iconas e buscar Bitlocker. Cando o activemos, abrirásenos un asistente de cifrado que nos permitirá escoller as unidades que queremos protexer e o contrasinal para poñer. Nada máis sinxelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.