Os bundles, 4 webs para conseguir packs de software a prezos reducidos

Mercar calquera tipo de software ou contido de maneira online é algo que facemos no noso día a día, pero o que quizais non sabemos é que en moitas ocasións podemos aforrarnos uns cantos euros se sabemos buscar nas páxinas adecuadas.

Un tipo de produto que nos permite aforrar nas nosas compras online de software ou contido son os “bundle”. Ensinámosvos o que é e onde atopar os mellores.

Que é un bundle?

Un bundle non é máis que a versión tecnolóxica dos packs de produtos que vemos ás veces nos supermercados. É simplemente agrupar diferentes produtos de software e poñelos a un prezo máis alcanzable que se se comprase cada un por separado. Así podemos comprar diferentes programas de edición de vídeo por un prezo moi atractivo ou varios xogos que nos poden interesar pola metade do valor.

Onde podemos atopar estes bundles?  Ensinámosvos catro páxinas onde atopar estes packs a diferentes prezos e con diferente tipo de contido.

Humble Bundle, a orixinal

Humble Bundle naceu coa idea de facer packs de videoxogos e destinar parte do beneficio a algunha obra benéfica. Aínda que esta idea segue presente, a páxina evolucionou ofrecéndonos diferentes tipos de packs de videoxogos polos que podemos pagar desde un mínimo ata o que consideremos adecuado.

Font Bundles, para fontes de letra

Se somos deseñadores ou necesitamos a miúdo diferentes tipo de letra, Font Bundles é a nosa páxina. Nela podemos atopar packs de letras de diferentes estilos a prezos máis que razoables, sobre todo se temos en conta que a maioría de páxinas de venda de fontes de letra adoitan ter prezos bastante elevados.

Groupees, crea o teu propio bundle

Groupees é unha páxina de bundle pero especial. Nela podemos crear o noso propio bundle se somos os creadores dalgún tipo de software ou temos contacto cos donos do mesmo. Céntranse sobre todo en videoxogos, pero podemos atopar calquera cousa se os usuarios anímanse a crealo.

Epic Bundle, de todo a baixo prezo

A páxina Epic Bundle pode asustar un pouco ao principio, pero iso é porque ten moitas ofertas e contido. Aínda que se centra no mundo dos videoxogos (como case todos), podemos atopar en ocasións ofertas de software e doutro tipo de contido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.