Curio-cité, así nos quere axudar Google a coñecer as cidades coa realidade virtual

curiocite

A realidade virtual é unha tecnoloxía que chegou para quedar. Aínda que hai uns anos só viamos tímidas incursións neste interesante mundo, hoxe son marcas como Samsung, Facebook, Sony, Apple ou Google as que están a apostar fortemente por unha nova maneira de interactuar cos nosos dispositivos que, sen dúbida, dará moito que falar nos próximos anos. Este último, Google, lanzou hai pouco máis dunha semana o seu último experimento coa realidade virtual: Curio-cité.

Curio-cité pretende ser unha nova maneira de descubrir eses lugares con encanto das grandes cidades que, normalmente, están ocultos nas típicas visitas que realizamos cando imos de turismo. Deseñado polo departamento de Art & Culture de Google, Curio-cité mostraranos fotografías en 360 graos deses lugares pintorescos.

A primeira cidade escollida neste curioso experimento é París, capital que poderemos descubrir na realidade virtual grazas a diferentes guías e expertos que nos acompañarán durante a viaxe. Así coas nosas lentes (ou o teléfono móbil) seranos posible ver o “lago subterráneo” da Ópera Garnier (o cal inspirou a obra ‘A Pantasma da Ópera’) ou pasear no Petite Ceinture, o ferrocarril xa desaparecido que unha vez rodeou París.

Este paso inicial coa capital francesa dará cabida a paseos virtuais polas principais cidades do mundo, descubríndonos historias e lugares que, quizais doutra maneira, non poderiamos atopar.

Se se quere vivir esta primeira experiencia, pódese atopar máis información na súa páxina web ou través das súas aplicacións en iOS e Android.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.