A Wikipedia é a enciclopedia en liña máis empregada do mundo, pero non é a única. Hoxe en Xente Dixital repasamos algunhas das enciclopedias e outras obras de referencias ás que podes acceder a través da rede.
Encyclopedia Britannica Online
Foi unha das enciclopedias máis prestixiosas do século XX, presente en moitos fogares, e hoxe en día está dispoñible en liña, cunha ampla selección de artigos sobre os temas máis variados. Así, a Encyclopedia Britannica segue a ser unha das obras de referencia de máis prestixio.
Open Library
Open Library é un proxecto auspiciado por “The Internet Archive”, que xa é un selo de garantía!
A súa base de datos contén millóns de libros rexistrados, en moitas linguas do mundo, co obxecto titánico de reunir nun só lugar todos os libros publicados polo mundo.
Bótalle un ollo ao catálogo, podes tomar prestado algún dos libros para lelo, e así contribúes á súa encomenda de ser a meirande biblioteca virtual do mundo.
BBC Country Profiles
Esta sección da BBC reúne completos perfís para consulta rápida sobre a historia, a política ou o desenvolvemento económico de países e territorios, así como un contexto das súas institucións clave. Por exemplo, esta é a ficha que se pode ver sobre España (e lembra que podes traducir as webs co tradutor Gaio)
Como non podía ser doutra forma, tamén inclúen audio e clips de vídeo desde arquivos da BBC.
Biblioteca Nacional
A Biblioteca Nacional posúe un catálogo completo de documentos en liña, e permite consultar as referencias bibliográficas dos mesmos. Dentro da colección é posible consultar libros, prensa, manuscritos, rexistros sonoros e audiovisuais… etc.
Galiciana
Deixamos deliberadamente para o final o recurso que temos máis próximo: a Galiciana ou Biblioteca de Galicia. A súa finalidade é lograr a máxima visibilidade dos recursos dixitais integrados nela e a interoperabilidade cos principais proxectos de dixitalización existentes hoxe en día.
A través de Galiciana podes acceder a recursos tan interesantes coma o Fondo Mondoñedo ou o Fondo dos Museos de Galicia.