Tés un proceso xudicial en marcha? Podes consultar a súa situación en liña a partir de outubro

En outubro ponse en marcha a sede electrónica xudicial galega, de maneira que os cidadáns poderán consultar o estado no que se atopan as demandas ou procesos xudiciais nos que sexan parte.

Estará accesible desde o portal xustiza.gal, e para empregar o servizo o demandante só precisará identificarse na sede cun certificado dixital ou co DNI electrónico.

exustiza

Futuras melloras no servizo

Consultar o estado dos procesos xudiciais é a primeira fase da sede xudicial galega, e iranse incorporando progresivamente novas funcionalidades como a de iniciar online procedementos monitorios (unha fórmula xudicial para reclamar débedas, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador)

O obxectivo é quexustiza.gal se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial como a presentación telemática de escritos, a validación de documentos, o acceso ao taboleiro de edictos, as notificacións electrónicas, poxas xudiciais ou o acceso seguro aos expedientes dos procesos xudiciais nos que se é parte.

A xustiza sen papeis, a bo ritmo en Galicia

A sede xudicial accesible desde xustiza.gal e é unha das pezas clave da xustiza sen papeis, un proceso complexo e progresivo, que se complementará co expediente xudicial electrónico (EXE). Entre as pezas que compoñen este expediente Galicia é pioneira nalgúns aspectos:

Lexnet

A plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial implantouse na Comunidade en 2010, e desde 2014 xa tiña habilitada a funcionalidade de presentación de escritos. O pasado 1 de xaneiro entraba en vigor a obrigatoriedade de que todos os axentes xudiciais empreguen Lexnet e nos seis primeiros meses do ano Galicia rexistrou 3,5 millóns de notificacións a través deste sistema.

Visor                                                                                                                                    

En marzo deste ano iniciouse nos xulgados de Pontevedra a pilotaxe do visor do expediente xudicial, unha solución multidispositivo e única para todos os profesionais da Administración de Xustiza, que lles permite acceder á información dos expedientes xudiciais en formato electrónico, convenientemente ordenada e catalogada.

A día de hoxe o visor está operativo en sedes xudiciais de A Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra, A Estrada, Vilagarcía, Cangas, Marín e Redondela.

Gravacións de vistas e sinatura dixital

Galicia liderou a evolución do sistema de gravación de vistas con sinatura dixital eFidelius que permite incorporar as gravacións dos xuízos ao expediente xudicial electrónico. Na actualidade, o 85% das salas de vistas contan con esta solución instalada.

Repositorio único

Galicia conta xa cun repositorio unificado xudicial único no que se poden consultar case nove millóns de expedientes en formato dixital, que está consolidado no 100% dos órganos xudiciais.

 

Todas estas actuacións enmárcanse no Plan Senda 2020 para consolidar a dixitalización da Xustiza e avanzar cara o cero papel, un proceso progresivo, que Galicia iniciou en 2009 coas medidas do I Plan Senda e que culminará coa implantación efectiva do Expediente Xudicial Electrónico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal infórmaselle que os datos persoais que facilite neste formulario quedarán rexistrados nun ficheiro de titularidade da Xunta de Galicia, cuxa finalidade é a xestión e rexistro deste procedemento. A persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como responsable do ficheiro, solicitándoo mediante o envío dun correo electrónico a lopd@xunta.es.