Día 1 – Benvidas e benvidos aos 21 DÍAS CO GALEGO E +!

PRESENTACIÓN

Este é un programa que pretende aumentar e perfeccionar o emprego oral do galego así como a reflexión persoal sobre a relación que cada persoa ten co galego e co resto das linguas que coñece.

Ao longo de 21 días, aquí ides atopar propostas diversas para vos achegardes ao galego e á súa cultura.

A maioría dos contidos que se vos ofrecerán son realizados polo alumnado e o profesorado de cada un dos dez centros de ensino participantes

Ao longo das próximas xornadas vós seredes os protagonistas dos 21 Días co Galego e + 2021.

A LINGUA TAMÉN É ARTE

Toda apertura merece unha grande actuación e nós este ano temos unha interpretación que nos fai moita ilusión. Trátase de Marina VM (Marina Vidal Míguez), unha participante dos 21 Días co Galego e + que xa na edición de 2019 cantara para nós unha cantiga, e que agora acaba de presentar o seu primeiro traballo oficial realizado a partir de coplas tradicionais.

CITAS

Non esquezades as nosas citas diarias:

– Nesta páxina.

– Nas nosas redes sociais: Facebook, Instagram, TikTok e Twitter

– Na Radio Galega, de luns a venres no programa Galicia por Diante, ás 13:00 horas e os sábados e domingos no programa Galicia por Diante fin de semana ás 10:45 horas

– Tamén imos ter como cómplice desta edición a xente do Dígocho eu! para nos divertir mellorando a nosa lingua.

– E contaremos coa colaboración do Foro Enrique Peinador para nos amosar o mundo do galego na empresa.

REFLEXIÓN 1

Hoxe vas ter que realizar a túa primeira gravación de reflexión.

Lembra que, nestes vídeos que deberás gravar en solitario ao final do día, o que realmente importa é a túa sinceridade e capacidade de análise. Non necesitamos que nos contes o marabilloso que é o galego; ben o sabemos!

  • Que usos fas ti habitualmente do galego?
  • Que che parece a proposta dos 21 Días co Galego e +?
  • Pensas que che será moi doado ou moi difícil para ti?
  • Se non falas galego de forma cotiá. Veste capaz de chegar a falar 24 horas en galego desde o primeiro día?
  • Cres que o lograrás antes do último día?
  • Que reaccións percibiches entre o resto da túa clase ou na casa?
  • Que pasos deches xa hoxe para seguires a proposta?
  • Pensas ampliar progresivamente os usos ou tentas xa falar galego sempre?
  • En que ámbitos (escola, amizade, familia, lecer…) ou con que tipo de persoas cres/sabes que che custará máis?
  • Agora establece 3 retos concretos para o teu avance como galegofalante. Lembra que se ti xa es galegofalante os teus retos serán de que 3 maneiras lle vas axudar ao resto das túas compañeiras e compañeiros.