Día 21 – IES Lauro Olmo / Xeografías lectoras

O INSTITUTO
O último centro que protagoniza os 21 Días co Galego este ano é o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, que nos convida a viaxar a outras épocas, lugares e culturas a través da palabra escrita.

 

Construción da mente consciente a través da lingua

O neurocientífico Xurxo Mariño dálle voltas á relación entre cerebro, mente e lingua, e á construción da memoria e da mente consciente a través da lingua.

 

FALAMOS – REFLEXIÓN 3

Hoxe tócache realizar a túa terceira e última gravación de reflexión: neste caso trátase dunha reflexión especial coa que se pretende que realices unha análise xeral da túa participación no proxecto. Para iso queremos que fagas memoria e que lembres como comezaches.

Recorda que, nestas gravacións, que deberás gravar en solitario ao final do día, o que realmente importa é a túa sinceridade e capacidade de análise.

1 Consideras que nestas tres semanas aumentou a túa competencia oral en galego? Xustifica a resposta.

2 En caso afirmativo, coidas que aumentaría do mesmo xeito con outro tipo de actividade? Dinos como e dános ideas para mellorarmos.

3 Esta experiencia axudouche a coller soltura á hora de te desenvolveres diante dunha cámara?

4 En calquera acción que emprendamos, os logros relaciónanse directamente co grao de implicación.

Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o desenvolvemento da túa competencia en lingua oral?

Do 1 ao 10, que nota cres que deberías levar no proxecto tendo en conta o teu nivel de traballo e o teu grao de implicación?

Que nota che sae de media?

5 Atopaches algún atranco para falares en galego durante estas tres semanas? Se é que houbo algún, explica cal ou cales foron.

6 As gravacións de reflexión fóronche útiles? Xustifica a resposta.

7 Consideras que estás en situación de ser galegofalante? Xustifica a túa resposta.

8 Se estivese na túa man a continuidade do proxecto, continuarías con el noutros cursos, modificaríalo ou eliminaríalo?

9 Que tipo de actividade farías ti para que o alumnado falase máis en galego?

10 Cres que esta actividade resulta interesante e positiva? Xustifica a túa resposta.

 

DÍGOCHO EU!

E que mellor maneira de rematar que vendo como o Dígocho eu! traspasa fronteiras!

Parabéns, chegaches ao final do proxecto,

que a forza do galego te acompañe!