Día 19 – Está o mar baleiro. Coa suor o enchemos os mariñeiros.
Na lembranza dos mariñeiros do Vila de Pitanxo e de todas as xentes do mar.
Ímoslle dedicar este sábado ao mar e ás moitas maneiras coas que nos rodea.
En primeiro lugar, traémosvos o “Reggae dos mariñeiros”, un tema de Lamatumbá que contén os famosos versos:
“Está o mar baleiro
Coa suor o enchemos
Os mariñeiros”
En segundo lugar, velaquí tedes unha curtametraxe que recibiu o segundo Premio Senda dos faros. Titúlase De naufraxios, faros e lendas: do Cemiterio dos Ingleses a Camariñas, e realizouna o alumnado do IES Monte Neme de Carballo (A Coruña). Esperamos que vos guste.
A artista Ana Kiro xa dera conta nunha canción do naufraxio do Serpent, un torpredeiro inglés, no que morreron 173 homes o 10 de novembro de 1890 en Camariñas e só se salvaran 3, os 142 que apareceron foron soterrados polos veciños polo que se coñece hoxe como Cemiterio dos Ingleses, a única necrópole do mundo dedicada de forma específica aos mortos dun único barco.
A continuación, dúas series relacionadas co mar que marcaron a historia da TVG.
Mareas Vivas é unha serie que fala do día a día na vila mariñeira de Portozás. Foi o maior éxito da TVG, un verdadeiro fenómeno social que lles serviu de trampolín á fama a moitos dos seus actores e actrices.
A vida por diante é unha serie que narra a vida de cinco mulleres que loitan por sacar adiante as súas familias despois de que o barco que tripulaban os seus homes afundise e elas ficasen viúvas.
Por último, deixámosvos o tema musical da serie Mareas vivas de Mercedes Peón, quen coa súa poderosa voz a converteu nun verdadeiro himno do mar. Esta canción deu a coñecer ao gran público a Mercedes Peón que foi e hoxe segue a ser unha das principais autoras e intérpretes da nosa música caracterizada pola súa exploración na vangarda artística.