DÍA 15 – Mulleres pintoras na historia

No CEIP O Couto de Ourense están a traballar o achegamento á pintura e máis concretamente ás mulleres pintoras. Vexamos que nos ensinan no seu vídeo.

(Preme na imaxe para ver o vídeo)

Se cadra non coñeces moitas pintoras galegas. Traémosvos un vídeo onde poderedes ver moitas obras de pintoras galegas que se moven lentamente para que poidades apreciar a súa beleza. Para saber cales vos gustan máis podedes erguer en silencio a man cando apareza unha obra que vos gusta moito.

(Preme na imaxe para ver o vídeo)

Falamos

Agora falamos nós.
  • Xa pasamos as dúas semanas. Como te sentes co teu galego tan cheo de forza e vigor?
  • Que che pareceu o vídeo do Couto? Que foi o que máis che gustou del.
  • A ti gústache pintar? Por que che gusta pintar? Que sentes cando pintas?
  • Tiñas algún cadro favorito antes de ver o vídeo?
  • Agora tócanos contestar a pregunta que nos fai o alumno do Couto ao final do vídeo cando nos di “Ti que pensas?”. Que che parecen todos os atrancos que tiveron que superar as mulleres artistas?
  • Colabora para que estas mulleres non sexan esquecidas e teñan o lugar que merecen na nosa cultura. Pódelo facer dun xeito moi fácil: escolle unha delas, mira unha das súas obras e hoxe, cando saias do cole, fálalle a alguén e dille que cadro che gustou especialmente.
  • Gustouche o vídeo coas obras das artistas galegas? E ti erguiches moitas veces a man durante o vídeo das pintoras?
  • Lembras algunha pintura que che gustase máis que as outras?
  • É moi importante que cando vemos unha obra de arte nos fixemos en quen a fixo porque sen o esforzo e a arte desa persoa a obra non existiría. Ti fixábaste nos nomes que aparecen nos cadros?
  • Fronte á pintura e as outras artes, a lingua ten un superpoder. Adiviñades cal é? (Poñemos unha posible solución ao final da publicación)

Cantamos e bailamos

E para o tema musical de hoxe traemos a alegría das cores das pinturas que se vive ao ver o vídeo e cantar a canción “Chea de vida” de Guadi Galego. Todo o mundo a cantar!
(Preme na imaxe para ver o vídeo)

Superpoder da lingua

A lingua é a arte da palabra e non ten un único autor ou autora, senón que é a maior obra de arte porque a levamos todos na boca e facémola fermosa cada vez que falamos. Por iso é  moi importante non dicir bocaladas ou grosarías para mantela ben fermosa.

Xa sabes, cada día debuxas un cadro coa túa lingua e ti decides se queres que ese cadro sexa fermoso ou feo. Animámoste a que todos os días debuxes un cadro fermoso cheo de cores coa túa lingua!