DÍA 17 – RAMALLOSEIR@S: MÚSICA, CULTURA E PATRIMONIO

Chegamos ao final da semana coa última entrega dos centros participantes na sexta edición dos 21 días co galego e máis. Este venres o protagonista é o CEIP da Ramallosa de Teo. Os seus Ramalloseir@s veñen defender a importancia do noso patrimonio cultural a través dun telexornal ben curioso. Mirade, mirade!

(Preme na imaxe para ver o vídeo)

 

Falamos entre nós

Xa estamos no último venres dos 21 días co galego e +. Parabéns!

  • Como vos foi esta semana no cole? Pasástelo ben? Como vai o voso galego?
  • Que vos pareceu o vídeo dos Ramalloseir@s?
  • O patrimonio é o conxunto de cousas importantes materiais (un bosque, un río, un pazo, un cadro…) ou inmateriais (unha canción, un refrán, un conto, un baile, unha peza musical…) que forman a nosa tradición e que nos pertencen a todos e todas, e iso é o que as fai especiais. Hoxe imos falar das inmateriais, que son as que non se poden tocar. Como credes que nós podemos coidar e protexer unha canción como “A Rianxeira” ou a historia da serea Maruxaina?
  • Facede unha listaxe de cancións tradicionais que coñezades, imos ver cantas se vos ocorren!
  • Nestes 21 días co galego e máis fixestes moitas actividades. Cales teñen que ver co noso patrimonio?

Lembra que todos podemos facer algo polo noso patrimonio!

 

Recollida e Cóntame un conto

O CEIP da Ramallosa aínda ten máis que ofrecernos. Salientamos Recollida, un proxecto de recollida de música tradicional coordinado polo profesor Óscar Suárez Carbia.

(Preme na primeira imaxe para ir á páxina e na segunda para ver o vídeo )

 

E no proxecto Cóntame un conto recollen contos de tradición oral. Mirade o seguinte vídeo e gozade cos contos!

(Preme na imaxe para ir ao vídeo)

 

Brincadeiras da lingua

O noso patrimonio tamén se transmite a través da literatura popular e dos xogos infantís. Hoxe traémosvos un vídeo de Migallas Teatro con ditos acumulativos. Nestes ditos vanse sumando elementos para poñer a proba e exercitar a memoria da persoa que os di.

(Preme na imaxe para ver o vídeo)

Este vídeo pertence á serie Brincadeiras da lingua, que ten como obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados da literatura popular infantil de Galicia e fomentar a súa práctica entre a cativada e no ámbito familiar. Podedes acceder a toda a serie premendo aquí.

 

E agora todo o mundo a cantar e bailar Tradi

“Tradi” é o nome que lles damos ás nosas músicas tradicionais, tanto na súa versión orixinal máis tradicional como nas propostas máis modernas que mesturan os nosos ritmos de sempre con outros máis actuais. Hoxe imos rematar cantando e bailando unha das pezas máis bailadas nos últimos tempos, o “Baile de Noró”, da man de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.

(Preme na imaxe para ver o vídeo)