AQUALITRANS II mellorará a xestión e o uso eficiente da enerxía en EDAR de España e Portugal

  • O proxecto, liderado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), conta coa participación da Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia e Inega (Instituto Enerxético de Galicia), o Instituto de Ciência e Inovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (Inegi) e a Empresa de Águas e Energia do Municipio do Porto.
  • AQUALITRANS II fomentará o uso de tecnoloxías innovadoras para a mellora da sustentabilidade e a eficiencia no sector da depuración de augas residuais, aliñándoas coas necesidades que xorden coa transición enerxética.
  • A primeira fase do proxecto mostrou melloras de ata un 20% de eficiencia na operación das EDAR, diminuíndo emisións á atmosfera e aforrando enerxía.

Nunha situación de emerxencia climática e enerxética como a que atravesamos, a xestión eficiente da auga é unha necesidade. Neste contexto nace AQUALITRANS II, a iniciativa de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal liderada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) que ten como obxectivo mellorar a xestión e promover o uso eficiente da enerxía no sector da depuración de augas residuais (EDAR) mediante o aumento do autoconsumo, a dixitalización e o desenvolvemento de modelos innovadores de xestión das estacións depuradoras de Galicia e o norte de Portugal.

O proxecto, que foi presentado esta mañá na sede de ITG, na Coruña, conta coa participación da Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia e Inega (Instituto Enerxético de Galicia), o Instituto de Ciência e Inovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (Inegi) e a Empresa de Águas e Energia do Municipio do Porto. Así, as entidades participantes mostran a súa intención de fomentar as tecnoloxías innovadoras para a mellora da protección ambiental e a eficiencia dos recursos no sector dos residuos e o sector da auga.

En concreto, os traballos desenvolvidos por AQUALITRANS II permitirán: crear unha ferramenta para o dimensionamiento de solucións de autoconsumo en EDAR; implantar o autoconsumo fotovoltaico; deseñar solucións de dixitalización de enerxía e auga para integración nunha Plataforma de Xestión Avanzada; establecer patróns de demanda enerxética vinculada á operación das EDAR; desenvolver novas funcionalidades na Plataforma de Xestión Avanzada, aliñadas cos obxectivos da Transición Enerxética, e, finalmente, transferir resultados na contorna das depuradoras. En definitiva, os resultados obtidos ofrecerán información e solucións a empresas e organismos públicos para a mellora e evolución das EDAR no ámbito da Transición Enerxética.

ITG será o encargado de desenvolver, en colaboración con INEGA e INEGI, unha ferramenta en liña para o dimensionamiento e análise de viabilidade de sistemas de autoconsumo fotovoltaico para as EDAR, tendo en cuenta para iso a tipificación da curva de consumo horaria, e as características de localización, orientación e superficie dispoñible. Posteriormente, seleccionaranse seis EDAR en Galicia e unha en Portugal para implantar as solucións de mellora da eficiencia para autoconsumo fotovoltaico e de dixitalización de enerxía e auga. Adicionalmente, dotarase de novas funcionalidades á Plataforma de Xestión Avanzada desenvolvida en AQUALITRANS, permitindo así mellorar a eficiencia e a capacidade de xestión da demanda enerxética.

Relevancia do tratamento de augas residuais en Galicia e norte de Portugal
O uso da auga é un dos puntos máis importantes nas relacións bilaterais entre España e Portugal, xa que máis do 20% da zona fronteiriza confórmana cursos fluviais e gran parte do perímetro da fronteira entre Galicia e Portugal está ocupado pola conca dos ríos Miño e Limia. A maioría da poboación está conectada a tratamento de augas residuais. No caso de España o 98,4% da poboación está conectada a algún tratamento, mentres que en Portugal a cobertura alcanza ao 85% da poboación. Por iso, as solucións desenvolvidas na mellora da viabilidade económica e da sustentabilidade terán un elevado impacto positivo.

Esta iniciativa achega novas ferramentas e solucións que permitirán avanzar na transición enerxética limpa e equitativa do espazo transfronteirizo, promovendo a implantación de enerxías renovables, fomentando a dixitalización e implantando modelos de xestión innovadores que permitan a flexibilidade e xestión activa da demanda en EDAR, todo iso cunha alta capacidade de transferencia cara a empresas e Administración.

AQUALITRANS proporcionou melloras de ata 20% na eficiencia das EDAR
AQUALITRANS II supón a continuación ao proxecto AQUALITRANS, participado polos mesmos socios, que, a través do desenvolvemento e a posta en marcha dunha Plataforma de Xestión Avanzada e a implantación de proxectos piloto de mellora da eficiencia enerxética en seis depuradoras seleccionadas (Ares, Cedeira, A Pobra do Caramiñal, Gondomar e Nigrán en Galicia, e Sobreiras, en Portugal), mostrou que existe un potencial aforro enerxético de 32GWh por ano, que supoñerían unha redución de emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro de máis de 12Tn CO2 ao ano. Isto supón mellorar ata un 20% a eficiencia na operación das EDAR da Eurorrexión, diminuíndo emisións á atmosfera e aforrando enerxía. Na actualidade, tanto Augas de Galicia como Águas e Energia do Porto están a utilizar o coñecemento e as ferramentas TIC desenvolvidas no marco deste proxecto de cooperación interregional como base para a planificación de investimentos e o deseño de actuacións de eficiencia enerxética nas instalacións que xestionan.

AQUALITRANS II, vixente ata xuño de 2023, é unha iniciativa financiada polo fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER) no marco do programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (PocTep).