Os socios do proxecto AQUALITRANS comparten os avances acadados para a eficiencia enerxética das EDAR

Os socios del proxecto AQUALITRANS reuníronse o pasado mércores 22 de maio en Vigo para avaliar os avances acadados en cada unha das accións do proxecto.

AQUALITRANS ten como obxectivo crear un modelo enerxético máis eficiente e sustentable para as EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais). Neste proxecto de ámbito transfronteirizo traballan entidades de Galicia e Norte de Portugal.

Augas de Galicia, como beneficiario principal, liderou o encontro en Vigo, no que foron analizados os avances do proxecto e foron determinadas as próximas tarefas.

 

 

Ata a data os socios teñen realizado un importante avance na execución das actividades propostas no proxecto. Xa foron completadas as tarefas tanto da Actividade 1 como as da Actividade 2. Estableceuse un marco de referencia para o uso eficiente dos recursos hídricos nas EDARs, tendo en conta tanto a protección do medio ambiente como os criterios de sustentabilidade económica no espazo de cooperación, e foi analizado o potencial de mellora da eficiencia na utilización dos recursos hídricos en EDARs da Eurorrexión, optimizando os procesos mediante o emprego de tecnoloxías innovadoras de monitorización e control.

Tamén foron constatados avances significativos no desenvolvemento das ferramentas de xestión de recursos hídricos no tratamento de augas residuais ata chegar a completar a execución da Actividade 3. Ditas ferramentas permiten analizar e xestionar os parámetros de calidade de auga, así como os consumos e costes de recursos, e coñecer a evolución temporal, en tempo real, dos principais parámetros de proceso nas EDARs e a súa relación coa eficiencia dos procesos en xeral e co consumo enerxético en particular.

O desenvolvemento das experiencias piloto atópase na súa parte final de execución co remate das actuacións na EDAR de Ares e na ETAR de Sobreiras en Porto e a monitorización das medidas realizadas de cara á avaliación da eficiencia real conseguida fronte á teórica estimada.

Así mesmo, os socios do proxecto AQUALITRANS acordaron a celebración de catro xornadas formativas no mes de novembro, dúas delas en Galicia e outras dúas en Portugal, que teñen por obxectivo capacitar a persoal técnico interesado nos resultados e ferramentas obtidas no proxecto.